Skip to main content
Palas de Rei

Concello e Xunta reformarán o centro de saúde de Palas

Por 6 Xullo, 2022Sin comentarios

O concello de Palas de Rei colaborará coa Xunta para reformar o cento de saúde da localidade cuns traballos que consistirán na substitución integral da cuberta. A memoria técnica elaborada desde a área sanitaria para acometer esta reforma propón a substitución da totalidade da cuberta de lousa, incluíndo a renovación dos canalóns.

A cuberta reforzarase fixándolle un illamento ríxido de 40 milímetros de espesor e renovando as limas e remates necesarios para impedir o paso da auga. Deste xeito, arranxaranse os problemas de entradas de auga que afectan á area do Punto de Atención Continuada, á zona de consultas e ás zonas común, e que motivaron varias actuacións de reparación provisional nos últimos anos tralos danos causados por temporais.

O elevado importe da actuación (155.230 euros), a súa urxencia e a relación do obxectivos de illamento e eficiencia enerxética das instalacións, recomendaron elevar a participación da administración galega neste convenio ata o 75% do importe, tal e como se ten feito en reformas similares como a que se acordou co Concello de Castro Caldelas.

Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz; o conselleiro e Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Palas de Rei contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.

Ademais, lembrou que non é a primeira mellora experimentada polo centro de saúde de Palas de Rei nos últimos anos, pois, froito doutros convenios de colaboración, leváronse a cabo obras de mellora por importe 107.578 euros para mellorar os accesos ao centro, instalar un grupo electróxeno como sistema de emerxencia, axeitar os espazos para localización do persoal técnico da ambulancia do 061 e área de estar e descanso do persoal do PAC, ou substituír as tubaxes de calefacción.