Skip to main content
Palas de Rei

O CDI da Ulloa recupera as visitas nocturnas a San Salvador de Vilar das Donas

Por 12 Xullo, 2022Sin comentarios

A igrexa de San Salvador de Vilar das Donas recuperará as visitas nocturnas realizadas anos atrás. Baixo o nome de Noite das Donas, Centro de Documentación e Interpretación da Comarca da Ulloa organiza para o vindeiro 23 de xullo unha actividade cultural e musical que colabore na posta en valor do monumento, convertido xa en punto de referencia do Camiño de Santiago.

“Queremos sensibilizar a sociedade do valor e importancia da nosa Cultura e Patrimonio e pedir respecto sobre eles xa sexa por ser un lugar de culto como é este caso coma se é un lugar ou una peza con historia ou cun valor artístico ou ambiental singular (resumindo respecto e sentidiño)”.

O inicio desta actividade terá lugar a partires das 20.30 horas cos relatorios de María José Gómez Albite do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), “amante da Terriña”, Doutora Especialista en Etnoloxía e Patrimonio; Zeltia Laya Sánchez da Asociación Pedagóxica Casa da Ponte, profesora de filosofía e secretaria da Rede Española de Filosofía (REF); e Xosé Luís Otero Cebral, Mestre no seu día, colaborador en prensa e autor de varios libros. Amosarán distintos aspectos do patrimonio de Vilar das Donas e do Camiño de Santiago e tamén recitaran algún poema.

“Para crear unha atmosfera máis ideal imos realizar para a ocasión unha iluminación especial tanto no exterior como no interior. A intención é a de crear unha atmosfera que transporte aos asistentes a época medieval”, explican.

Xa no interior, sobre as 21.00 horas comezará o concerto-presentación do grupo Sonânbulum formado por Lúa Aguete, María Pardo e Manuel Escariz Burkowski. Ao remate da actuación terá lugar unha proxección de imaxes e vídeos sobre as paredes do exterior do monumento.

Dende a organización indican que o aforo estará limitado e que durante o concerto o público deberá permanecer sentado.