Skip to main content
A Pobra do BrollónFolgoso do CourelPalas de ReiQuiroga

Mellora a situación en Palas pero aparecen máis focos na zona sur e oeste da provincia

Por 18 Xullo, 2022Xullo 20th, 2022Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais, que evolucionan de xeito diferente debido ao descenso das temperaturas e o aumento do vento.

Palas de Rei

Desactivada a Situación 2 que se declarara como medida preventiva no incendio forestal activo no concello lucense de Palas de Rei, parroquia de Ramil, ao desaparecer o risco para núcleos poboados. Este incendio iniciouse ás 13,13 h. de onte e rolda as 375 ha provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 12 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 4 avións e 3 helicópteros.

Folgoso do Courel

Segue decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio forestal activo no municipio lucense de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que rolda as 2.500 hectáreas segundo as últimas estimacións. Esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade do lume ao núcleo de Parada dos Montes. Este incendio permanece activo desde o xoves pasado. No seu control traballaron ata o momento 3 técnicos, 28 axentes, 40 brigadas, 28 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 7 avións e 9 helicópteros. Neste lume tamén despregou efectivos a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.

Continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 no outro incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse o xoves pasado e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais. Ata o de agora desprazáronse á zona 6 técnicos, 21 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 avións e 3 helicópteros. 

Así mesmo, segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo na parroquia de Seceda, tamén en Folgoso do Courel. Este lume iniciouse o venres pasado e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais. No lugar levan traballado un total de 19 axentes, 29 brigadas, 14 motobombas, 6 avións e 6 helicópteros. Neste lume tamén participa a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Pobra do Brollón

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde o xoves pasado e afecta unha superficie provisional de 700 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 3 técnicos, 30 axentes, 45 brigadas, 30 motobombas, 1 pa, 5 avións e 5 helicópteros. 

Segue activo desde o xoves pasado outro incendio na Pobra do Brollón, tamén na parroquia de Saa, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado 1 axente, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero. 

Cervantes

Activo desde as 20,28 h. de onte un lume no concello lucense de Cervantes, parroquia de Cereixedo, que supera as 20 hectáreas. Ata o momento téñense mobilizado para extinguilo 4 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas, 1 avión e 2 helicópteros.

Estabilizado ás 10,00 h. de hoxe o incendio forestal de Cervantes, parroquia de Donís, que rolda as 75 hectáreas provisionais. No lume -que se iniciou o xoves pasado- levan traballado ata o de agora 1 técnico, 6 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas e 1 helicóptero.

Quiroga

Permanece controlado desde as 22,25 h. do sábado o incendio que se orixinara o xoves pasado tamén en Quiroga, parroquia de Outeiro. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 18 axentes, 17 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 4 avións e 4 helicópteros.

Segue controlado desde as 23,53 h. do sábado outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que rolda as 15 hectáreas provisionais. Orixinouse o venres e ata o momento levan traballado nel 1 técnico, 10 axentes, 11 brigadas, 9 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Antas de Ulla

Segue controlado desde as 22,50 h. de onte o lume da localidade luguesa de Antas de Ulla, parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante, que se orixinou a pasada tarde e que rolda as 40 hectáreas provisionais. Na súa extinción levan traballado 4 axentes, 3 brigadas, 3 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros.

DEPUTACIÓN

A Deputación de Lugo, parte activa no dispositivo de loita establecido contra os incendios de O Courel y A Pobra do Brollón. Mantén mobilizados na zona 6 vehículos todorreo para utilizar nas tarefas nas que sexan necesarias, tanto nos traballos para sofocar as lapas, como para desaloxar a persoas que o precisen por non contar con medios propios ou ter mobilidade reducida.

Este domingo desprazáronse medios persoais e técnicos para cortar a LU-P-4701, que dá acceso ao núcleo de Parada dos Montes, onde o lume ameazaba con chegar ás casas e que quedou desaloxado a primeira hora da tarde, e a LU-P-4710, que comunica Salcedo e A Estación, na Pobra do Brollón, como medida de seguridade pola evolución dos incendios.

O Consorcio Provincial de bombeiros, que leva apoiando os labores de control e extinción dende o venres, vén de reforzar os medios mobilizados inicialmente ante o empeoramento da situación.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a institución colabora co operativo que loita contra os lumes na Pobra do Brollón e O Courel. Así, mantén mobilizados nestes concellos 6 vehículos pick up todorreo do servizo provincial de Conservación e Mantemento de estradas, uns medios que, en coordinación coa Subdelegación do Goberno e a Garda Civil, puxo a disposición do operativo contra os lumes que sofren as localidades, para que sexan utilizados nas tarefas para as que poidan ser necesarios, tanto nos traballos para sofocar as lapas, como para desaloxar a persoas que o precisen por non contar con medios propios ou por ter mobilidade reducida.

Así mesmo, a Deputación atendeu a solicitude de colaboración da Garda Civil desprazando ós concellos de Brollón e O Courel medios persoais e técnicos para cortar a estrada LU-P-4701, que une estes dous municipios e dá acceso ao núcleo de Parada dos Montes onde o lume ameazaba con chegar ás casas e que quedou xa desaloxado, e a LU-P-4710, que comunica Salcedo e A Estación, na Pobra do Brollón, como medida de seguridade pola evolución dos incendios.

Por outra banda, o presidente da Deputación e presidente do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento informou de que a entidade leva apoiando dende o venres os labores de control e extinción dos lumes da zona sur e A Montaña da provincia desprazando tanto efectivos, como bombas nodrizas pesadas (con capacidade para 8.000 litros de auga), pick ups e todo terreos dos parques de bombeiros de Monforte de Lemos, Sarria e Chantada.

De feito, o consorcio vén de reforzar os medios que foran mobilizados nun inicio ante o empeoramento da situación, pasando de dous efectivos e unha bomba nodriza pesada, a 10 bombeiros, catro bombas nodrizas pesadas e un todo terreo.