Skip to main content
Pedrafita

O Estado reducirá o tempo de paso pola antiga nacional de Pedrafita

Por 1 Xullo, 2022Xullo 3rd, 2022Sin comentarios

Un novo plan de tráfico permitirá circular máis tempo pola A6 na zona de Pedrafita evitando, ao máximo, o paso pola antiga estrada nacional. Así o informou onte o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Xavier Flores, quen visitou onte, acompañado doutras autoridades, o punto do derrubamento.

En relación cos desvíos de tráfico, á parte de informar das actuacións que se levaron a cabo ata o de agora, o secretario xeral indicou que xa está en marcha este novo plan, pero que se analizou o proposto pola Xunta de Galicia e afirmou que “estamos abertos a incorporar novas formulacións”.

A solución reduciría de 10 km a 4 km, o percorrido que se tería que realizar pola estrada nacional. As obras necesarias para poñelo en marcha xa comezaron o 23 de xuño. Con este novo desvío, o tempo de percorrido quedará reducido a menos da metade do que se tarda co actual.

Deste xeito, un vehículo lixeiro en dirección A Coruña, que hoxe tarda uns 8 minutos 45 segundos en hora vale, pasará a empregar en percorrer o desvío tan só 3 minutos 50 segundos.

En caso de hora punta, a redución é aínda maior, de modo que un vehículo pesado na mesma dirección que hoxe podería chegar a tardar máis de 15 minutos en facer o percorrido, co novo desvío tan só tardará algo máis de 6 minutos.

Ademais, o Goberno vai habilitar o paso dos vehículos en sentido Madrid polo túnel de Pedrafita, mantendo o sentido A Coruña pola travesía de Pedrafita do Cebreiro. As obras comezarán o vindeiro luns, co traballos topográficos.

O secretario xeral mantivo, ademais, unha reunión coa conselleira de Mobilidade de Castela e León, María Gonzalez Corral e a conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez. Á reunión tamén asistiron o delegado e os subdelegados do Goberno en Lugo e León, o presidente da Deputación de Lugo, e os alcaldes de Pedrafita do Cebreiro e de Vega de Valcarce.

Esta xuntanza tivo como obxectivo transmitir con rigor e transparencia información actualizada sobre diversos aspectos relacionados co colapso de senllos vans do viaduto do Castro, que tiveron lugar o pasado 7 e 16 de xuño. Enmárcase, así, nos obxectivos de transparencia e rigor cos que se está abordando a investigación e a procura de solucións.

Así, tal e como xa avanzou onte a ministra Raquel Sánchez no Congreso, Xavier Flores comunicou os avances nas investigacións sobre as causas dos devanditos colapsos e nas medidas para tomar, en tanto se pode restablecer a circulación en condicións de normalidade e con total seguridade.

En primeiro lugar, transmitiuse a importancia de manter as conexións con Galicia sempre primando a seguridade dos usuarios da estrada, así como a de investigar as causas dos ocorrido e presentar as alternativas para restaurar a autovía.

Neste contexto, o secretario xeral indicou que “os viadutos de similar tipoloxía existentes en Galicia non son comparables a este”.

INVESTIGACIÓN

En canto á investigación, o secretario xeral trasladou que comezaron os traballos previos de gabinete dos equipos de especialistas en geotecnia, de análises e control de materiais.

Tamén comezou a execución de dous camiños de acceso á zona onde se atopan os vans colapsados e as cimentacións e a instalación dunha cámara domo e o seu correspondente cable de fibra óptica, en colaboración coa DXT, para os labores de vixilancia.