Skip to main content
Chantada

Pontón visita en Chantada proxectos empresariais que demostran que é posible un medio rural vivo

Por 5 Xullo, 2022Xullo 6th, 2022Sin comentarios

O BNG propón un plan para reactivar o rural, poñendo a terra a producir e cunha política de discriminación positiva en materia de servizos. 

A portavoz nacional, Ana Pontón, empezou a súa intensa axenda en Chantada cunha visita á empresa Daveiga, produtora das galletas mariñeiras, un proxecto innovador que demostra que é posible un rural vivo, capaz de xerar riqueza e emprego, pero para iso é preciso mudar as políticas de abandono por unha política estratéxica de apoio e recuperación do rural como a que promove o BNG.

“Daveiga demostra que é posible facer proxectos innovadores desde o medio rural, mesmo cun enfoque de economía social, un aspecto que debemos apoiar porque crea emprego de proximidade e de calidade no propio rural”, salientou Pontón, tras concluír a visita guiada por unha empresa que, ademais, aposta polo produto de proximidade para a súa produción, minimizando o impacto ambiental.

Pero a iniciativa privada debe ser apoiada cunha aposta desde as políticas públicas e, neste sentido, o BNG propón un Plan estratéxico de rescate e desenvolvemento para o rural estruturado en dez liñas de actuación que ten como principal baza unha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos, con medidas concretas: manter os servizos educativos, reverter os recortes sanitarios no medio rural, garantir os servizos bancarios e reforzar todos os servizos sociais.

“As políticas do PP conducen ó rural a unha morte lenta, cada vez hai menos xente, menos actividade, menos servizos. Urxe cambiar esa tendencia, empezando por unha política de discriminación positiva, non se poden pechar escolas, hai que abrilas; no se pode recortar en médicos e médicas senón promover unha sanidade de calidade e con medios no rural e apostar tamén polas novas tecnoloxías neste parte do País que non pode ser discriminada”, explicou Pontón.

A segunda liña estratéxica ten como obxectivo  conseguir un rural produtivo que permita a soberanía alimentaria, e para iso inclúe rescatar 100.000 hectáreas en dez anos para uso agrario. “Producir alimentos de calidade, camiñar cara a soberanía alimentaria porque é clave como acabamos de ver na pandemia”, argumentou. Como dato: a superficie destinada a produtos de consumo humano e o 3,9%, mentres que no conxunto do Estado é o 25,5%, por contra, Galiza ten un 20% do seu territorio ocupado por eucaliptos.

Pontón tamén destacou o imprescindible apoio ó sector vitivinícola, clave na comarca, cunha produción de moita calidade. “Hai que apostar pola innovación e pola transformación para potenciar proxectos que xeren valor engadido porque son os que aportan mellores niveis de renda para os produtores e produtoras nos distintos sectores que se desenvolven no medio rural ós que hai que apoiar”, recalcou pouco antes de visitar Adega e viñedos Lareu.

O plan estratéxico do BNG para o rural aposta por unha produción no sector agropecuario que debe ir acompañada de innovación, investigación e transformación, terceira liña estratéxica;  e nesa mesma dirección, facilitar a comercialización, con centros comarcais de envasado e etiquetaxe parar facilitar a venda da produción de quilómetro cero; a creación dunha plataforma  público-privada de comercialización online, a modo de amazon galego para produtos frescos e elaborados de orixe agrogandeira.

 A quinta liña estratéxica do plan de rescate é a dotación en infraestruturas, cunha aposta pola dixitalización e por estender as novas tecnoloxías, indicou, tras visitar A túa xanela, proxecto empresarial que se encarga precisamente de instalar fibra óptica no rural e achegar as novas tecnoloxías. Igualmente, mellorar as comunicacións para garantir unha mobilidade propia do século XXI, potenciar o transporte público e apostar polo tren como transporte de conexión tamén na Galiza interior.

Rendas xustas

A sexta liña de traballo pon o foco en conseguir rendas xustas e dignas para produtores e produtoras,  establecendo na Lei da cadea alimentaria un mecanismo de fixación de prezos que imposibilite vender a perdas. Un aspecto igualmente fundamental do plan para un rural vivo son as políticas de igualdade para a muller, “darlle o recoñecemento e o papel que lles corresponde tamén no medio rural porque son imprescindibles, con máis apoio ás emprendedoras e con medidas eficaces de conciliación”, explicou.

É imprescindible, oitava liña estratéxica, “rexuvenecer o rural”, e iso pasa por atraer a xente moza, por facilitar o relevo xeracional, indo máis aló das axudas directas, “porque só poderemos levar á mocidade ó medio rural cando lle ofrezamos servizos, rendas dignas, infraestruturas, boas comunicacións, ocio, tecnoloxía”.

Dada a importancia específica do sector lácteo, -con máis de 6.000 explotacións de vacún de leite-, o BNG inclúe a creación dunha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido. Finalmente, a décima liña estratéxica pasa por conseguir vincular as axudas da PAC á produción e non á superficie, para evitar o prexuízo do sector agroganderio galego.

Proxectos innovadores en Chantada, que son emblemas

Pontón visitou en Chantada proxectos innovadores con criterios de economía social como Daveiga, da man do director Xosé Lois Llamazares; a aposta pola tecnoloxía no rural por parte a empresa A túa xanela de instalación de fibra óptima nos pequenos e medianos concellos do interior do País, habitualmente discriminados, baixo a guía do director Iñaki Castiñeira; e Adegas e viñedos Lareu, exemplo do potencial e da calidade dos caldos da comarca, baixo as explicacións de Primitivo Lareu.

“Son emblemas do rural que pode e debe ter este País, do rural vivo e con futuro que defende o BNG”, concluíu.

A líder do Bloque estivo acompañada polos responsables locais e comarcais do BNG, Rosana Prieto e Manuel Moure, e pola deputada Carme Aira,  nunha visita que concluíu cun acto aberto no que abordou a situación de crise de prezos que vive a maioría social. Pontón criticou que, lonxe de adoptar medidas para paliar os efectos da inflación, o Goberno do PP acaba de subirlle o prezo da auga a miles de galegos e de galegas e suprimiu a tarxeta básica que sufragaba a compra de produtos de alimentación para as familias con menor renda.

O BNG propón un paquete de axudas para os colectivos máis impactados: subida das pensións non contributivas, aumento da RISGA e facela compatible co IMV, aumentar as axudas directas para os gastos básicos de vivenda, disparados pola factura da luz. Tamén propón mobilizar 700 M€ para apoiar os sectores produtivos e as PEMES, afogadas pola inflación, tendo en conta que en 2021 o Goberno do PP deixou sen executar mil millóns de euros.