Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

O BNG levará ao Pleno da Deputación os incendios da zona sur da provincia

Por 25 Xullo, 2022Sin comentarios

O BNG levará ao vindeiro pleno da Deputación de Lugo, que terá lugar mañá, martes 26, unha moción encamiñada a trasladar o apoio e solidariedade coa veciñanza afectada polos lumes destes días en Galiza, nomeadamente no Courel e na Pobra do Brollón, e facer, desde a institución provincial, un chamamento á colaboración entre administracións para que as persoas afectadas conten coas axudas necesarias para recuperar as súas casas e restablecer as súas vidas.

A proposta insta á Xunta de Galiza a “axilizar o acompañamento e as axudas necesarias para que canto antes a veciñanza directamente afectada polos lumes poida recuperar as súas vivendas e propiedades e restablecer as súas vidas con certa normalidade” e “a iniciar de xeito inmediato a recuperación, rehabilitación e reconstrución das zonas afectadas para evitar a súa degradación polo tempo e posibles factores climatolóxicos”.

Ademais, o BNG propón situar na primeira liña de análise as causas estruturais dos incendios, ligadas ao despoboamento do rural e á falta de ordenación do territorio. Nesa liña, a formación nacionalista insta á Xunta de Galiza a adaptar as políticas e os medios de prevención e extinción de incendios a esta realidade, cun “traballo continuado ao longo do ano na limpeza, na ordenación e no aproveitamento integral do monte” e avoga por establecer “protocolos específicos para zonas do territorio de importante valor ambiental”.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “nestes días mantivemos contacto cos gobernos municipais tanto do Courel como da Pobra do Brollón. E estivemos tamén na zona afectada polos lumes. E cremos que como institución provincial debemos ter un posicionamento claro: pedir ás administracións que acompañen as persoas afectadas na tramitación das axudas e na recuperación dos espazos arrasados polas lapas, e tamén procurar que esta situación sirva para reorientar as políticas contra o lume á prevención, incidindo na ordenación no territorio e establecendo protocolos específicos para zonas de especial interese ambiental como as que arderon nestes días na Serra do Courel. Por iso presentamos esta moción á que esperamos que se sumen o resto dos grupos da corporación provincial”.