Skip to main content
Zonas RIBEIRASACRAXA

A Deputación de Lugo contribúe ao Plan de Sostibilidade Turística da Ribeira Sacra

Por 21 Xullo, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo achega 83.000 euros para levar a cabo o Plan de Sostibilidade Turística da Ribeira Sacra.

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asistiu na Praia da Cova, no concello do Saviñao, á presentación de tres novas accións enmarcadas no Plan de Sostibilidade Turística da Ribeira Sacra, concedido polo Goberno do Estado ao Consorcio de Turismo desta comarca, e que conta co apoio da Deputación de Lugo.

García Pernas destaca que o Plan de Sostibilidade Turística ‘é un éxito de colaboración entre as diferentes institucións, que traballamos xuntas co firme convencemento de que a Ribeira Sacra é un destino sostible, de calidade e con capacidade para atraer visitantes ó longo de todo o ano’. ‘Unha liña estratéxica que encaixa perfectamente e que servirá para consolidar o modelo de turismo polo que vimos apostando desde hai tempo na Deputación de Lugo’, asegura o deputado.

Ao acto asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitian, e o alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto.

Este plan recolle un total de 38 liñas de actuación para abordar en tres anos e foron presentadas tres co obxectivo de mellorar a mobilidade e fomentar o transporte sostible, o coidado do medio ambiente e a gobernanza participativa. O deputado puido probar o funcionamento do autobús-lanzadeira gratuíto que acerca á veciñanza e visitantes dende Escairón ata a praia fluvial da Cova, evitando a masificación de vehículos particulares.

No acto presentouse tamén un manual de boas prácticas para visitantes da Ribeira Sacra e unha páxina web a través da que o Consorcio de Turismo recibe suxerencias para a mellora dos recursos turísticos naturais e patrimoniais da comarca.

A axuda económica que aporta a Deputación de Lugo para materializar o Plan de Sostibilidade Turística representa o 40,5% da achega que deben facer os concellos, que asumen 200.000€ do total de dous millóns de euros cos que está dotado o proxecto. Así, ademais de apoiar o turismo, con esta colaboración, a institución provincial tamén coopera cos concellos. A aportación da Deputación súmase a outras axudas que reciben os concellos a través do Plan Único, do que poden destinar parte para cubrir a súa aportación ao Plan de Sostibilidade Turística. Os 13 concellos da Ribeira Sacra lucense reciben da Deputación de Lugo a través do Plan Único un total de 4,3 millóns de euros.