Skip to main content
Bóveda

Bóveda implanta un novo sistema de control do abastecemento de auga

Por 6 Xullo, 2022Sin comentarios

O Concello de Bóveda comezou a implantación dun sistema de control e telemedida na instalación de abastecemento municipal de auga que vai favorecer un aforro do consumo para os veciños e veciñas ao posibilitar un control preciso das instalacións e a lectura dos contadores sen ter que ir fisicamente velos cada tres meses.

O proxecto vai mellorar a eficiencia enerxética das instalacións de abastecemento coa instalacións de contadores de tecnoloxía moderna, logrando un maior control da instalación, un maior aforro no consumo de auga, unha mellora ambiental mediante a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera ao consumir enerxía no bombeo, así como un aforro económico importante.

O proxecto foi adxudicado á empresa Ime Rodríguez S.L. por importe de 126.131,05 euros ao abeiro do Plan Único de Cooperación cos Concellos do ano 2021.

VANTAXES

Este novo sistema permite levar a cabo a modernización e o aumento da eficiencia enerxética e da utilización dos recursos das instalacións de abastecemento de auga potable de titularidade municipal. Un dos grandes beneficios é que a instalación de telemedida permite non ter que tomar datos manualmente de cada contador cada tres meses.

As vantaxes deste sistema son importantes porque medirá os consumos, con descarga de datos periodicamente segundo o criterio do titular e coa periodicidade que se desexe. Detectará avarías e problemas ao dispor de un sistema de comunicación que permite alarmas e avisos, e reducirá o consumo de auga potable.

Polo tanto, a solución que se propón permite mellorar o sistema de control das instalacións, o que conleva unha redución substancial do consumo de auga (redución dun recurso natural e dos consumos asociados, consumo enerxético e consumo de produtos químicos, redución das necesidades de mantemento das instalacións redución do desgaste das instalacións, …). Ademais, a redución do consumo de auga permite mellorar a calidade da mesma ao ter que tratar caudais menores.