Skip to main content
Chantada

Por Chantada diríxese á Deputación e ao Concello para que axilicen o rozado das gabias

Por 11 Xullo, 2022Sin comentarios

Por Chantada diríxese á Deputación e ao Concello para que axilicen o rozado das gabias pois “a rozadura das gabias nas estradas de Chantada debería estar xa avanzada, dado a altura do ano en que nos encontramos e a dimensión que acada a vexetación existente”.

“Estas actuacións sempre van a destempo, pois precisan criterios e planificación que eviten a perigosidade para o tránsito que supón ter vexetación elevada, xa que reduce sensibelmente a visibilidade ás persoas condutoras e máxime nas pistas e estadas estreitas no rural. Amais, este ano o risco de incendios é moi elevado e unha gabias rozadas poden evitar lumes accidentais nun concello que é ZAR”, din dende o grupo chantadés.

Por iso, Por Chantada diríxese á Deputación de Lugo e ao Concello de Chantada para que axilicen a limpeza das gabias nas estradas do noso termo municipal. “Cómpre lembrar que con anterioridade propuxemos tamén o arranxo de múltiplas estradas, que, en grande medida, seguen igual, por exemplo entre Brandián e Terra Branca no caso das do Concello ou a LU-P-1815 no caso das da Deputación. Noutros casos, a Deputación de Lugo usou grava deixando fochancas e malgastando os cartos nunha actuación que non atinxe nen a consideración de parche, por exemplo a LU-P-1807, e que a viciñanza dun xeito unánime cualifica de tomadura de pelo. Urxe unha reparación no firme de varias estradas, xa que está moi deteriorado e con múltiplas fendas”.

As estradas locais e provinciais teñen sen rozar as gabias, algo que “é especialmente perigoso pois nesas estradas e pistas non existen beirarrúas nin sendas peonís, o ancho é menor que noutras vías e é habitual o tránsito de animais domésticos”, din os de Chantada. Ademais, “o ente provincial precisa revisar as estradas da súa titularidade e instalar medidas de protección nalgúns puntos ou mesmo facer actuacións de calado para evitar que a estrada se esborralle, por exemplo, a LU-P-1801 ao paso por Sernande. Os valados de protección cumpren unha función moi importante para evitaren saídas de vías, que en moitos pontos poden ser fatais e máxime na época estival onde recebemos unha incidencia maior de visitantes foráneos que non sempre están afeitos a andar polas estradas do rural”.

Por Chantada apresentara unha moción no Concello coa relación de estradas que precisaban arranxos por parte das diferentes administracións e, por unanimidade, aprobárase criar unha comisión de infraestruturas que nunca chegou a convocarse por parte do alcalde. Nesa comisión clasificaríanse as estradas por prioridade de arranxo empregando criterios técnicos e poderíanse elaborar informes técnicos desde o servizo municipal de urbanismo para exixir o arranxo tamén das vías da Deputación de Lugo ou as vías de servizo das estradas da Xunta.

En relación co anterior, cómpre tamén que a Deputación de Lugo revise a sinaléctica nos diferentes lugares xa que a velocidade máxima permitida no tipo de vía non é a aconsellábel ao paso por núcleo rural e, mesmamente, poderíase nalgún caso precisar habilitar pasos de peóns con velocidades máximas acordes co número de persoas e animais presente en cada zona.