Skip to main content
Chantada

Por Chantada propón un Plano de envellecemento activo para combater a soidade

Por 19 Xullo, 2022Sin comentarios

O grupo municipal Por Chantada proporá a elaboración dun censo de persoas que viven soas e a posta en marcha dun plano de envellecemento activo para combater a soidade non desexada.

No Concello de Chantada, o envellecemento da poboación é algo que preocupa a cada vez máis capas da poboación e incide mesmamente nas posibilidades económicas e sociais. No ano 2020 o saldo vexetativo foron -90 persoas, xa que houbo 47 nacementos e 137 defuncións cunha porcentaxe superior á da provincia de Lugo, que é a que presenta peores datos do Estado español, só por tras de Ourense e Zamora, e cun amplísimo crecemento do grupo de maiores de 65 anos ao longo dos últimos 40 anos.

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) no ano 2021 a media de idade no Concello de Chantada é de 50.41 anos, o que representa un incremento 0.45 anos máis que fai un lustro, cando era de 49.96 anos. No ano 2021 Chantada contaba con 8134 habitantes, os maiores de 65 anos totalizaban 2.049 persoas, ou sexa, 25.19% da poboación. Pola contra, a poboación menor de 15 anos só atinxe 794 persoas, 9.76% do total. Isto dá como resultado un índice de avellentamento no Concello de Chantada de 258.06 persoas, moi superior ao galego (160.40 persoas).

Na comarca, segundo as proxeccións de poboación do IGE a curto prazo para o conxunto da comarca de Chantada, o índice de avellentamento en 2035 dispararase até 547.48 persoas. En outras palabras, partindo xa de dados alarmantes o peor está por chegar: entre 2019 e 2035 o índice de avellentamento vaise practicamente duplicar na nosa comarca.

Desde Por Chantada non son alleos a estes dados que falan de situacións difíciles e que atinxen a moitos veciños e máis dende a pandemia da COVID-19 e, por tanto, o Concello debe desenvolver ferramentas que favorezan a detección, así como a posterior intervención e atención co fin de fomentar a protección, a seguranza e o benestar emocional das persoas afectadas.

Dende o Concello de Chantada, buscan oferecer un servizo de axuda, información e acompañamento ás persoas maiores da localidade que o precisen. Os obxectivos do plano serán: coñecer as necesidades das persoas maiores que viven soas na vila, ofrecer información de actividades lúdicas que poidan ser do seu interese, ofrecer alternativas de lecer, informar e solicitar o servizo de teleasistencia de forma gratuíta, e fomentar as relacións persoais creando unha rede de axuda e acompañamento na que poidan colaborar os veciños que queiran participar.