Skip to main content
Folgoso do Courel

Tomé insta á Xunta a dar explicacións e solucións á estrada LU-651 tralo derrubamento

Por 10 Xullo, 2022Sin comentarios

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, asegurou que o Goberno do PP na Xunta ten completamente esquecidos ós veciños e veciñas da Montaña e do conxunto da provincia, “xa que preto de catro meses despois do derrubamento da estrada LU-651, que une Folgoso do Courel e Quiroga, nin deu explicacións, nin aportou solucións, nin alternativas”.

Tomé Roca fixo estas declaracións durante o encontro que mantivo na zona afectada con representantes institucionais e cargos orgánicos do Partido Socialista na provincia, no que participaron o voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, os Deputados no Congreso Ana Prieto e Javier Cerqueiro, o Deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, o Deputado provincial de Medio Ambiente e Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, e a voceira municipal socialista no Courel, Carmen Álvarez.

O Secretario Xeral do PSdeG lucense lembrou que a estrada autonómica derrubouse o pasado 20 de marzo e quince días despois a Xunta “dábase unhas semanas para decidir como reconstruír a estrada, dicía que non podía dar prazos ata ter un estudo xeotécnico, pero que, en todo caso, ía estar pechada ó tráfico un ano e medio”.

Case catro meses despois do afundimento, recalcou, a Xunta “non explicou que estudos se fixeron, nin as causas do sucedido, non ten feito o desvío provisional, non informou de nada ós veciños, nin ós concellos, nin á Deputación, e non ten marcada a alternativa definitiva, máis segura e viable”.

Ante esta situación, José Tomé reclamou que “se abra xa o desvío provisional e que se poñan traballar na reconstrución da estrada LU-651”, e pregúntase “onde está o PP para pedir á Xunta que actúe cando antes”. “Foi unha pena que o día que visitaron o viaducto da A-6 non pasasen por aquí para demandar a reparación desta estrada do Courel”, sinalou.

EXEMPLO DA DOBRE VARA DE MEDIR

“Estamos diante dun exemplo claro da dobre vara de medir do PP. Fai esixencias que non practica, pedindo todas as presas ó Goberno do Estado no caso do viaducto da A-6 e arrogándose toda a calma para arranxar a súa estrada no Courel, cando a complexidade do problema non ten nin punto de comparación”, subliñou o Secretario Xeral dos socialistas na provincia.

“O PP fai coa A-6 como fixo con Alcoa. Vai facerse fotos, pero non aporta ningunha solución útil e trata de torpedear a acción do Goberno de España. Todo, polos votos, enganando ós veciños”, afirmou.

Nesta liña, empraza á Conselleira de Infraestruturas “a tomar exemplo do que fai o Ministerio de Transportes coa A-6: reacción inmediata, total transparencia cara á cidadanía, cara os sectores afectados e cara os resto de administracións, dando a información dispoñible sobre os estudos e os equipos para determinar as causas, e tamén transparencia e colaboración para decidir os desvíos e as solucións”, explicou Tomé.

A situación que vive O Courel é, tamén, “unha mostra máis do abandono total da Xunta ó rural”, recalcou. “Co Partido Popular temos menos médicos, menos mestres, menos escolas, menos industria e, agora, menos estradas. Iso si, temos máis débeda pública, sen que saibamos onde gastan o diñeiro”.

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda o Partido Popular defende a transparencia e axilidade da Xunta de Galicia para dar solución ao derrubamento da estrada de O Courel.

“Hai que salientar que a administración autonómica, desde o primeiro momento, puxo enriba da mesa posibles alternativas para solventar o problema, de modo consensuado co concello”, afirman os populares.

As obras de acceso provisional a Folgoso do Courel co fin de restituír o tráfico na estrada LU-651 estarán finalizadas en poucas semanas.

O investimento da Xunta de Galicia nesta obra de emerxencia que se está executando é case 1 millón de euros.