Skip to main content
Folgoso do Courel

Desactivada a situación 2 no incendio forestal de O Courel

Por 23 Xullo, 2022Xullo 24th, 2022Sin comentarios

A Xunta vén de desactivar a Situación 2 nos lumes de Folgoso do Courel-A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel-Seceda, ambos na provincia de Lugo, e de Carballeda de Valdeorras-Riodolas, na de Ourense.

No caso de Folgoso do Courel-A Pobra de Brollón, esta situación operativa de emerxencia foi declarada o pasado xoves, día 15, pola proximidade aos núcleos de Parada dos Montes e Carballal (Folgoso) e Busto (A Pobra do Brollón). No que atinxe ao incendio de Folgoso do Courel-Seceda, esta situación preventiva mantíñase tamén declarada dende ese mesmo día pola proximidade do lume ao núcleo de Gamiz. No que atinxe ao concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, a medida solicitouse o pasado domingo, día 17, pola proximidade do lume ao núcleo de Candeda.

Estes tres lumes continúan activos, afectando, respectivamente, unha superficie de 10.000, 1.100 e 10.500 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais, malia que a súa evolución favorable fixo posible a desactivación da devandita situación operativa de emerxencia.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.