Skip to main content
Folgoso do Courel

Os socialistas de O Courel piden a dimisión da alcaldesa e o seu goberno pola xestión na vaga de incendios

Por 29 Xullo, 2022Xullo 30th, 2022Sin comentarios

Os socialistas de Folgoso do Courel piden a dimisión da alcaldesa e de todo o seu goberno pola nefasta xestión na vaga de incendios.

A voceira socialista do Courel, Carmen Álvarez, insta á alcaldesa de Folgoso do Courel a presentar a súa dimisión e de todo o seu goberno, “por mor da nefasta xestión na vaga de incendios”, que asolou o concello estes dias.

Así o fixo durante a sesión plenaria celebrada hoxe no concello e na que se aprobou unha iniciativa para reclamar axudas ás diferentes administracións e solicitar a declaración de zona catastrófica. Tamén agradece o apoio e o traballo tódolos corpos implicados que traballaron durante estas datas para apagar os lumes no Courel.

Carmen Álvarez di que “a alcaldesa e todo o seu goberno, son os máximos responsables da desfeita nesta vaga de lumes no noso concello, xa que non tomou nin unha soa medida de prevención e limpeza do monte dende que chegou ao concello”. Nesa liña lembra que as brigadas de incendios que se contratan anualmente “comezaron a traballar o 23 de xullo, é dicir fai 5 días, cando os incendios xa comezaran. Esta é a política de prevención da Xunta e do PP”, criticou.

Asegura que “non hai ningunha política en materia de prevención de incendios por parte do Goberno da Xunta, nin no Courel, nin na provincia, nin en ningures. Onde está a lexislatura do rural?”, preguntouse. Ademais sinala que no tocante ao desaloxo dos pobos e das parroquias, “esquecéronse de atender ao pobo do Mazo Santigoso, e tivo que ser outro Concello o que se fixera cargo deste desaloxo”. “Estaban máis pendentes das fotografías, que en atender á veciñanza”, replica.

Recentemente a alcaldesa tamén sinalaba nunha entrevista “que non quería políticos de paseo polo concello, que quería ver técnicos. Supoñemos que será para que non comprobaran a desfeita e a desorganización na que quedou o noso pobo”.

A voceira tamén se refire ás prioridades que impulsa a alcaldesa na vila. “Como por exemplo unha praia fluvial cun investimento público de 400.000 euros ou un parque infantil en Seceda con outros 50.000 euros, onde a día de hoxe non hai un só neno. E mentres temos parroquias por onde non pode circular nin unha ambulancia, nin un camión de bombeiros, ou as traídas de auga que teñen que pagar os propios veciños e veciñas”, insiste.

“Dende o PSdeG apoiamos todas as peticións de axuda para o noso pobo, pero cremos que é necesario cambiar o modelo de prevención de incendios do PP. E o concello neste asunto, tamén ten responsabilidades. Temos que previr, limpar, e manter o monte vivo e ordenado, con políticas transversais de usos agrodandeiros, forestais, turísticos ou culturais. Vamos a seguir loitando polo Courel con futuro, e a veciñanza conta con todo o noso apoio. E dende aquí pedímoslle a alcaldesa que se poña a traballar e pase do victimismo á impulsar unha política activa na prevención de incendios”, resume.