Skip to main content
Monforte

Adega e Proxecto Ríos levan as morcegadas a Monforte de Lemos

Por 9 Xullo, 2022Xullo 13th, 2022Sin comentarios

Proxecto Ríos, o programa de voluntariado ambiental en ríos coordinado pola asociación ecoloxista Adega, tivo que adiar os cursos de formación sobre quirópteros e bosque de ribeira para o luns e martes da vindeira semana, os días 11 e 12 de xullo, en Monforte e Montederramo, respectivamente.

As Noites de morcegos teñen por finalidade difundir e sensibilizar a sociedade sobre a importancia ecolóxica dos morcegos e realízanse en máis de trinta países de toda Europa a través do proxecto EuroBats que cumpriu 30 anos en 2021.

Os morcegos achegan grandes beneficios aos seres humanos como son a regulación da poboación de insectos (entre eles moitas especies praga) e son excelentes bioindicadores de diferentes tipos de ecosistemas, como no caso dos bosques de ribeira. Estudando as súas poboacións podemos detectar cambios na calidade ecolóxica da auga e tamén dos bosques de ribeira.

QUIORRÍOS E CIENCIA CIDADÁ

A primeira das sesións terá lugar o vindeiro luns, 11 de xullo en Monforte de Lemos, e a segunda desenvolverase o 12 de xullo en Montederramo. En horario de tarde-noite, ambas as dúas xornadas impartirán formación teórico-práctica sobre o programa de ciencia cidadá “Quirorríos” que en Galiza coordinan o grupo GEAS e ADEGA. Quirorríos é un protocolo para o seguimento dos morcegos nos cursos fluviais como indicadores da calidade da auga e dos bosques de ribeira, aberto a calquera persoa que queira participar.

Dende o Proxecto Ríos de ADEGA ofrecemos ao voluntariado ambiental a oportunidade de participar na mostraxe dos quirópteros da man de persoal experimentado. No desenvolvemento das dúas noites de morcegos, contaremos coa colaboración de Xosé Pardavila de Sorex, investigador e especialista na xestión de fauna salvaxe. A actividade conta co financiamento da Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

A inscrición é gratuíta e as prazas son limitadas para cada sesión formativa. Para máis información haberá que escribir a ramses@adega.gal ou chamar a 616 238 050.