Skip to main content
Monforte

A oitava edición FanCine de Lemos xa ten as curtas gañadoras

Por 10 Xullo, 2022Sin comentarios

A oitava edición do FanCine de Lemos celebrou a súa gala de clausura onte sábado na adega Algueira en Sober. Nela entregáronse os premios ás curtas gañadoras seleccionadas polo xurado formado polo actor Chechu Salgado, a actriz Sabela Arán e o director do Sombra Festival, Javier García.

O acto de clausura culminou unha tarde de programación para amantes do cine fantástico, coa proxección dunha sesión de curtas a concurso, ademais dunha mesa redonda con Xavi Pons sobre a era dos videoclubes.

Ás dez da noite comezou a gala de entrega de premios, presentada pola actriz Beatriz Serén. No acto estiveron presentes as autoridades dos tres Concellos implicados este ano no FanCine de Lemos,  Monforte de Lemos, Sober e A Pobra do Brollón, así como da Deputación de Lugo.

O premio a mellor curtametraxe nacional foi para El Semblante. Foi recibido por Carlos Moriano, un dos directores xunto con Raúl Cerezo.

A mellor curtametraxe internacional foi Covid Love. O seu director, Rene Nuijens, estivo presente na gala a distancia a través dunha conexión telemática.

O premio a mellor curtametraxe galega foi recibida por Diego Aballe, Amanda Seijas e Fran Nogueira, os directores de Canibalismo.

Ademais, a curta Loop de Pablo Polledri recibiu unha mención especial. O xurado salientou da peza “a súa visión dunha sociedade que entra en bucle contada no formato da animación tradicional”.

O xurado valorou en xeral o “altísimo nivel das curtas finalistas” e a dificultade que supuxo para seleccionar as gañadoras.

As curtas gañadoras vanse proxectar hoxe domingo ás 18:30 na Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte, seguido dun coloquio con membros do equipo directivo do FanCine de Lemos.

Despois, a programación trasládase aos Multicines Hollywood de Monforte, coas dúas últimas proxeccións desta oitava edición do FanCine. Ás 20:00 proxéctase o filme de anime xaponés Belle, de Mamoru Hosada, seguido ás 22:00 da estrea en España de Feral do mexicano Andrés Kaiser.

A totalidade da programación do FanCine de Lemos é de balde. A información completa pódese consultar na web e redes sociais do festival.