Skip to main content
Monforte

Entrega de diplomas en Monforte aos alumnos dun obradoiro de emprego

Por 20 Xullo, 2022Sin comentarios

A Xunta entrega os diplomas aos alumnos do obradoiro de emprego de Monforte de Lemos, que durante os últimos nove meses tiveron acceso a formación e a un contrato de traballo a través desta iniciativa laboral. Os participantes avanzaron na dixitalización de fondos documentais do Concello.

A xefa territorial en Lugo da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Pilar Fernández, participou no acto, onde explicou que a Administración galega financiou a actividade con 350.000 euros.

O taller contou con 20 prazas e impartiu a especialidade de operacións de gravación de datos e documentos. Os participantes avanzaron na dixitalización de fondos municipais, como libros de actas de plenos, comisións e xuntas de goberno; ademais de expedientes dos servizos municipais de rendas, Intervención e Secretaría e documentación histórica arquivada no servizo de Cultura. Tamén traballaron na organización e informatización dos arquivos de diversas oficinas locais.

Os obradoiros son unha das accións para o emprego máis solicitadas da Xunta, pois forman a persoas desempregadas en áreas que demandan as empresas e teñen unha taxa de inserción laboral que se achega ao 60%. Ao mesmo tempo realizan obras e servizos de interese público nos concellos que os promoven.

Este ano, na Zona Sur da provincia de Lugo desenvolvéronse cinco talleres en 12 municipios nos que a Administración galega investiu 1,7 millóns de euros. Está pendente a resolución da convocatoria de 2022 para poñer en marcha novos obradoiros, que como novidade durarán un ano en lugar dos nove meses actuais.