Skip to main content
Monforte

O BNG de Monforte de Lemos, avoga pola produción cerealística

Por 27 Xullo, 2022Xullo 28th, 2022Sin comentarios

O BNG de Monforte de Lemos rexistra unha moción para o vindeiro pleno onde reclama que a Xunta de Galiza elabore un Plan de Recuperación de zonas con gran aptitude cerealista, a fin de recuperar a soberanía alimentaria.

Segundo o concelleiro do BNG en Monforte, Emilio Sánchez: ‘O Val de Lemos debería ter un peso fundamental na provincia de Lugo a respecto da produción cerealística’.

A perda de superficie agraria útil en Galiza mantén a tendencia das últimas décadas, segundo os datos sobre a estrutura das explotación agrícolas do Instituto Nacional de Estatística (INE). Do 2013 ao 2016, Galicia perdeu 34.000 hectáreas, máis dun 5% da súa superficie agraria total.

A comunidade acumula nese período a metade da superficie agrícola útil que se perdeu no conxunto de España, curiosamente na lexislatura do rural, apodada polo ex-presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoo. Na provincia de Lugo dispoñemos dun exemplo claro do abandono no que a Consellería de Medio Rural é a única e principal responsable; trátase do regadío do Val de Lemos.

O plan de regadío do Val de Lemos, decalarado no ano 1966 cunha superficie inicial de 5.500 ha, foi un dos grandes fracasos da política agraria do franquismo en Galicia. As obras de construción dos canais de regadío, que incluíron a construción do encoro de Vilasouto, acometéronse durante os anos 60 e 70, pero contaron con múltiples carencias dende un principio (falta de concentración parcelaria, de estudos de mercado, ou de obras de nivelación do terreo).

Deste xeito, o que estaba proxectado como a maior zona de regadío agrícola de Galicia (preto de 5.000 hectáreas do val de Lemos) finalmente quedou en pouco máis de 2.000 hectáreas ás que realmente chega a auga a través da rede de acequias. Porén, en apenas 600 hectáreas se utiliza realmente o regadío, estando abandonadas a maioría das terras agrícolas.

A día de hoxe, existe unha elevada demanda por parte dos gandeiros e sociedades de superficie para cultivo de forraxe dos concellos incluídos no regadío do val do Lemos (os propios estudos que ten a Consellería de Medio Rural así o demostran).

Aspectos como as infraestruturas obsoletas, en parte sen rematar, e a ausencia dun proceso de concentración parcelaria da práctica totalidade da área afectada, fan inviable a súa explotación na súa actualidade.

O BNG vén de presentar unha moción de cara ao vindeiro pleno municipal na que se reclama entre outros puntos:

– Instar á consellería de Medio Rural a que elabore un Plan de Recuperación de zonas con gran aptitude cerealista, na que o val de Lemos teña un peso fundamental na provincia de Lugo, a fin derecuperar a soberanía alimentaria.

– Pedir á consellería de Medio Rural que inicie os procesos de concentración parcelaria urxentes nas zonas propostas na zona de delimitación do Val de Lemos e finalice aqueles que se atopan inconclusos.

– Solicitar á consellería de Medio Rural que leve a termo as conclusións do proxecto piloto de ‘Mobilización de Terras no Val de Lemos’ (Bóveda).

– Instar á Confederación Hidrográfica para que solucione o problema recorrente das taxas pola auga de regadío coa Confederación MiñoSil.

– Instar á Xunta de Galicia para que revise e actualice a delimitación dos perímetros urbanos da zona do Val de Lemos.

– Pedir á Consellería de Medio Rural a creación dunha comisión no Parlamento de Galicia cos distintos actores implicados para activar a posta en valor do Val de Lemos, onde se tomen como base os distintos traballos realizados feitos ao longo destes anos como base de partida para a toma de decisións técnicas.