Skip to main content
Monforte

Presentación das festas patronais de Monforte, do 11 ao 16 de agosto

Por 28 Xullo, 2022Sin comentarios

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, da a coñecer o programa completo das festas patronais 2022, que se van celebrar do 11 ó 16 de agosto na cidade do Cabe.

“Por fin despois destes dous últimos anos” salientou José Tomé, Monforte volve a celebrar as súas festas atronais que volven por todo o alto, e creo que van ser unhas festas para recordar”, destaca o alcalde que basea o éxito das mesmas en diversos motivos: “en primeiro lugar, porque volven despois da pandemia; en segundo lugar, porque vai haber máis días de festa, unha excepción que nunca houbo; e terceiro lugar, por o programa que está preparado para as festas, cheo de concertos gratuítos, os fogos de San Vicente e do Río, pasarrúas (…)

O alcalde recorda que foi no mes de maio cando se anunciaron os concertos musicais das festas e sinala que “estamos convencidos de que os concertos programados van ser capaces de encher o recinto das festas, debido á calidade das actuacións e tamén debido ó variado dos estilos musicais”.

Tal e como se comprometera o alcalde, Monforte contará este ano cun día máis de festas patronais pasando de 5 a 6 días. De tal xeito que o día do pregón será o día 10 de agosto, a cargo de Margarita Rodríguez Otero, e os concertos comezarán o día 11 e rematarán o día 16 de agosto.

“Monforte volve a celebrar esas festas patronais por todo o alto, dando ese paso definitivo cara á normalidade que todos desexamos”, recalca o rexedor municipal.

Tamén durante a celebración das festas patronais, terán lugar as actuacións, entre outros, do grupo de batucada creativa, do grupo de gaitas e pandereteiras Os Xograres de Lemos, do grupo de batucada Baturruca, e da asociación cultural Amigos da Pandeireta, todos eles de Monforte, que amenizarán con pasarrúas as tardes dos días 11, 12, 13 e 16 de agosto.

O luns 15, terá lugar o Día do Gaiteiro, no que alboradas de grupos de gaitas sairán pola mañá e percorrerán diferentes rúas da cidade. Pola tarde, na praza de España terá lugar a Mostra de Danza e Música Tradicional. En ambos casos, a maioría de grupos de gaitas e de danza serán de Monforte.

Unhas festas patronais esenciais para a dinamización económica da cidade. “Porque”, continuou José Tomé, “as festas patronais son un revulsivo económico que permite que moitas pequenas empresas garantan a súa pervivencia pola actividade económica que desenvolven nesas datas”.

O rexedor monfortino sinala que “hoxe xa se fala das festas de Monforte como un referente non só no sur da provincia, senón tamén en outras moitas zonas de Galicia, e creo que co programa musical que as protagonizarán este ano, vas supor un rotundo éxito para o noso Concello. Porque creo que este ano, as festas patronais teñen probablemente o mellor programa musical en moitos anos, tanto no que se refire ós concertos, como o que se refire ás orquestras que acompañan ás actuacións principais”.

“En resumo”, conclúe o alcalde, “creo que o programa que elaboramos para as nosas festas patronais deste ano 2022, é un moi bon programa que pretende que as festas sexan cada vez máis as festas de todos e que, dalgunha maneira, os veciños e veciñas de Monforte e de fora da cidade teñan a certeza de que hai unha liña de continuidade relativa á variedade e á calidade das nosas festas, liña que recuperamos tras o parón de dous anos motivado pola pandemia”.