Skip to main content
A Pobra do Brollón

Ana Pontón propón declarar zonas catastróficas as áreas queimadas en O Barco de Valdeorras e Pobra do Brollón

Por 22 Xullo, 2022Sin comentarios

Pontón propón que se declare zona catastrófica as áreas queimadas dos municipios de O Barco de Valdeorras e Pobra do Brollón.

A portavoz nacional, Ana Pontón, visita os dous dos concellos máis afectados pola vaga de lumes, para coñecer in situ o alcance dos incendios que cualifica de ‘desastre ambiental, económico e social’. Por iso, a líder do BNG pide a declaración de zona catastrófica para as áreas máis impactadas polas lapas, como vía para obter todos os recursos necesarios para a súa recuperación, máxime tendo en conta o importante número de vivendas que foron pasto das chamas.

‘A prioridade é apagar os lumes, pero hai que ir pensando no día despois e, neste sentido, propoñemos a declaración de zona catastrófica para que haxa axudas, recursos e se poñan todos os medios necesarios para a recuperación desas terras queimadas que, en moitos casos, teñen un alto valor ambiental e económico.  É necesaria a colaboración de todas as institucións para que se reverta o dano que se está causando’, argumenta Pontón desde o concello do Barco.

Co obxectivo prioritario de  extinguir os incendios, Pontón demanda ‘que se mobilicen todos os medios que sexan necesarios para poñer fin á situación de risco nas zonas afectadas tanto en Ourense como en Lugo’. Pero a portavoz nacionalista tamén considera que esta vaga de lumes debe supoñer ‘un punto de inflexión’ no drama repetido dun territorio que arde ano tras ano.

‘Estamos vendo a virulencia e a gravidade destes incendios e todos e todas sabemos que os incendios apáganse no inverno, con medidas de prevención, con ordenación do territorio e apáganse poñendo freo ao despoboamento en moitas zonas de Galicia’, salientou Pontón, tras manter un encontro co operativo ante lumes na sede do distrito forestal XIII Valdeorras-Trives. A dirixente do Bloque tamén considera clave combater o lume con medidas estruturais.

‘O combate contra o lume require medidas de carácter estrutural, porque non podemos limitarnos a lamentarnos cada vez que hai un incendio, é necesario que esta última onda sexa un punto de inflexión e de paso a unha pola limpeza e ordenación do monte, pola prevención e por outro modelo forestal, porque todo o que se está a vivir neste momento vaise agravar co cambio climático’, argumenta.

A portavoz nacionalista entende que ‘non se pode mirar para outro lado e hai que asumir que as cousas non se están facendo ben, acabar coa política de abandono do noso monte e tomarse en mudar un modelo forestal porque co actual non podemos convivir no futuro’.

RECOÑECEMENTO

Pontón reitera a mensaxe de solidariedade, apoio e recoñecemento a todas as persoas que traballan nas labores de extinción, ‘mesmo poñendo en risco a súa seguridade e a súa vida’, como os bombeiros forestais e todos os efectivos das brigadas que se enfrontan a uns incendios de gran intensidade, ‘E sabemos que moitas veces o fan desde a precariedade e a falta de medios e recursos, é un labor social o que están facendo’.

Tamén fai referencia especial ás persoas que perderon as súas vivendas, ‘sabemos que é unha situación durísima, desesperada, teñen que saber que estamos todas e todos aquí, para axudar, para empuxar e facer todo o que estea nas nosas mans para que esta vaga de lumes acabe canto antes’, conclúe.

Dende O Barco, a portavoz do BNG desprazábase á Pobra do Brollón, onde mantiña un encontro co alcalde, Xosé Lois Maceda, e coa veciñanza que tivo que ser desaloxada das súas vivendas.