Skip to main content
Sarria

Sarria baila a ritmo de blues co ‘Sarria Blues no Camiño’

Por 18 Xullo, 2022Sin comentarios

O festival ‘Sarria Blues no Camiño’ congregará este ano numerosos artistas de músicas afroamericanas de tódalas partes do mundo que encherán as rúas entre o 4 e o 7 de agosto.

Celebrará a súa xornada de inauguración nun escenario que define perfectamente o espírito do seu lema ‘Un cruceiro no crossroad’. Será no máis alto do pobo, á sombra da torre do vello castelo, á beira da igrexa románica de San Salvador, que leva máis de sete séculos vendo pasar peregrinos polo Camiño de Santiago. Aí hai un cruzamento de camiños, e aí actuará o primeiro músico do festival, Sebastopol, un espectacular home orquestra da Aquitania francesa, que recupera o espírito dos primeiros músicos de blues que actuaban e montaban espectáculos na rúa para gañarse a vida.

Pero iso será despois da presentación oficial do festival e a inauguración da exposición colectiva de arte, que se exhibirá no antigo cárcere local, un marco tamén intimamente relacionado co blues, que se converteu nunha vía de escape para os afroamericanos que durante anos acabaron en prisión por mor da segregación racial. A exposición estará integrada por obras do pintor Pepe Farrés, o escultor e gravador Francisco Poy e o fotógrafo Carles Pericás.

PROGRAMA

O xoves 04 de agosto terá lugar ás 16.00 horas no múseo do antigo cárcere a proxección do documental ‘Lomax the Songhunter’, ás 18.00 horas a presentación do festival e a exposición de arte de Pepe Farrés, Francisco Poy e Carles Pericás (Proyecto Nomad Estudio) e ás 20.00 horas na igrexa de San Salvador, o concerto do ‘one man band’ francés Sebastopol, ‘Un cruceiro no Crossroads’.

O venres día 05 ás 11.00 horas na residencia de anciáns haberá o concerto de Malditos Roedores, ás 19.00 horas o pasarrúas ‘Ruada Second Line’ a cargo de Louband e ás 22.30 horas na praza de Santa Mariña o concerto ‘Luscofusco Blues’ de Hernan Senra ‘Chino’ e The Lazy Jumpers.

O sábado 06 de agosto ás 12.00 horas no campo da feira poderase desfrutar do concerto ‘Blues a Feira’ de Sweet Marta & Johnny Big Stone, ás 18.00 horas na Illa Toleiro haberá unha presentación – conferencia do libro “Comer y cantar” de Héctor Martínez, coa actuación de Javier Turnes, ás 20.00 horas a mostra de arte urbana ‘Cando as paredes cantan’ e ás 22.00 horas o concerto ‘Matías Moreno Experience’ de Nestor Pardo Trío e Vanessa Collier.

Para rematar o festival, o domingo día 07 ás 11.00 horas haberá un contacontos infantil a cargo de Eva Antequera, ás 12.00 horas na praza da vila a exposición de coches clásicos do Club Clásicos Sarria, ás 13.00 horas unha xornada de baile Blues & Swing con concerto de Wax & Boogie, ás 18.00 horas o concerto itinerante e simultáneo ‘A salto de mata’, de Blas Picón & Oscar Rabadán e Andhrea & The Black Cats e por último ás 23.00 horas na rúa da música, o concerto ‘That’s all folks’ de Bike & Lonesome máis jam session final.