Skip to main content
Láncara

Láncara impulsa un verán repleto de actividades

Láncara pon en marcha este verán abundantes actividades que comprenderán dende viaxes ata festas en honor ao emigrante.

Comezaron xa o 2 de xuño coa viaxe programada a Miño, un plan que se espallará ao longo do verán levando aos veciños a visitar distintas praias. Por exemplo, para o vindeiro 11 de setembro está prevista unha excursión  ás Rías Baixas, a Cambados e O Grove, que tamén suporá un desembolso económico para os interesados do cal informarán en breve desde o Concello.

As demais actividades serán gratuítas. Xa este pasado 2 de xullo se conmemorou por todo o alto a festa da escuma, e este 16 tamén está fixado no calendario que haxa xogos de carácter acuático.

Seis días despois desta data, a festa do Emigrante traerá a música de A Roda e Carta de Axuste.

Xa en agosto, as actividades acuáticas daranse cita na  Pobra de San Xiao, onde tamén se festexará o 13 a festa da Troita. Así mesmo,  19 será a quenda da festa da Xuventude con actuacións musicais como Beatriz e Punto Clave.

Pola súa banda, os campamentos de estío fecharán o 26 de agosto organizando unha nova festa da escuma e un karaoke infantil. Estes campamentos estarán en activo ao longo de todo o verán. E un día máis tarde, o 27 de agosto, acontecerá en Láncara unha actuación sorpresa.