Skip to main content
Paradela

O Concello de Paradela festexará o seu bicentenario

Por 2 Xullo, 2022Xullo 6th, 2022Sin comentarios

Será o 6 de xullo ás 12.00 do mediodía.

O próximo mércores, 6 de xullo, Paradela dará comezo ás celebracións do seu Bicentenario como Concello, que se prolongarán ata mediados do próximo mes de decembro. Esta conmemoración tivo que ser adiada pola epidemia do Covid, celebrándose agora, neste Xacobeo prolongado, tendo moi presente que Paradela é un fito no Camiño Francés a Compostela.

O programa para este día inaugural comezará ás 12.00 e será inaugurado Monumento aos Cabaleiros de Santiago, protectores do Camiño e dos Peregrinos, obra de Cándido Pazos. Intervirán o alcalde, José Manuel Mato, o escultor e o conselleiro Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez González, descubrindo os tres o novo Monumento do Camiño.

A continuación, ás 12.15 horas, no Edificio Multiusos, percorreranse exposicións como Do tempo das luces… con fotos antigas de xentes de Paradela, parte Arquivo Fotográfico do Concello; Paradela, senda infinita, ou Manuel Rodríguez López, 2.0 – Exposición audiovisual, Homenaxe ao escritor; Escultura do Paradelense Álvaro de la Vega, coa que se suma á celebración.

De seguido, acontecerá o Acto oficial de inauguracion, no que intervirán o alcalde dando a benvida aos asistentes; o historiador Xaime Felix López Arias (Arlindo); Xulio Xiz, dando conta do máis importante das celebracións; o fillo predilecto de Paradela, Diego López Rodríguez; a Presidenta da Asociación de Mulleres de Paradela, Rocío Domínguez Brea, e o Conselleiro Román Rodríguez González.

Ademais, o cantautor de Becerreá, Alfredo González Vilela cantará dúas cancións sobre poemas do seu amigo Manuel Rodríguez López.
Ao remate, ofrecerase aos presentes viño da Ribeira Sacra con pinchos do País. Ademais, entregaranse aos asistentes a monografía Os 200 anos do Concello de Paradela, de Xaime F. López Arias (Arlindo) e os catálogos das tres exposicións.

Estas mostras permaneceran durante o verán en Paradela. De setembro a decembro, Paradela, senda infinita e Manuel Rodríguez López, 2.0 viaxarán a Lugo, Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria, Portomarìn, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino, Santiago e A Coruña.