Skip to main content
Sarria

Unha campaña de promoción impulsará o consumo da Tenreira Galega

Por 9 Xullo, 2022Xullo 10th, 2022Sin comentarios

A campaña persegue aumentar o consumo de carne procedente das explotacións tradicionais con vacas nais e con base territorial, nun momento no que o sector segue afectado pola venda a perdas por mor da suba dos custos de produción.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asinou un convenio de colaboración co presidente do consello regulador das indicacións xeográficas protexidas (IXP) de carne de vacún de Galicia, Jesús González, para levar a cabo unha campaña de promoción, fomento e difusión da carne de vacún certificada co selo Ternera Gallega Suprema. 

Segundo destacou o conselleiro, a campaña comportará un investimento de 1,4 millóns de euros dos que a Xunta -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- aportará a metade. O consello regulador achegará os outros 700.000 euros, entre a aportación asociada ao convenio asinado hoxe e a campaña que presentou á convocatoria de axudas do Goberno galego para a promoción dos selos de calidade.

A campaña de promoción -que se difundirá a nivel nacional en radio, prensa, televisión, redes sociais e puntos de venda- centrarase na categoría Ternera Gallega Suprema dentro da IXP Ternera Gallega, que é a que procede de explotacións tradicionais con vacas nais e con base territorial. O principal obxectivo é aumentar a sensibilización do público en xeral en relación con esta IXP e co consumo de vacún de calidade diferenciada. 

Así, segundo apuntou o titular de Medio Rural, a campaña quere ser un revulsivo diante da difícil situación na que se atopa o sector galego de vacún de carne a causa do incremento dos custos de produción de 2021 que se viu agravado tras a invasión rusa de Ucraína. Trátase, ademais, de poñer en valor a aposta que este eido produtivo fai pola calidade, polo benestar animal, pola biodiversidade, polo medio ambiente e pola xestión do territorio.

Tal e como apuntou José González, a iniciativa vén sumarse a outras medidas adoptadas pola Xunta como o protocolo de entendemento histórico promovido en marzo entre todos os elos da cadea de valor cárnica, para frear a venda a perdas xeneralizada constatada no seo da IXP Ternera Gallega. Posteriormente, para apoiar o cumprimento deste acordo, presentouse en maio un estudo de custos de produción das explotacións de Ternera Gallega Suprema, que concluíu que existe unha diferenza de 1 euro por quilo entre o que terían que percibir os gandeiros para cubrir os seus custos e o que realmente cobran.

Hoxe mesmo, engadiu o conselleiro, dáse un novo paso importante coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da anunciada liña de financiamento de circulante para explotacións de gando bovino. Así, a Consellería do Medio Rural aportará un total de 5 millóns de euros, para garantías dos préstamos e para a subsidiación dos tipos de xuro, co obxectivo de chegar ata os 25 millóns en empréstitos concedidos, cun máximo de 30.000 euros por explotación. A maiores, cabe recordar a convocatoria que permitirá adiantar aos agricultores e gandeiros galegos uns 200 millóns de euros das axudas da PAC, financiando tamén os xuros cun custo para a Xunta de 3,4 millóns de euros. 

Na súa intervención, o titular de Medio Rural engadiu que se segue a traballar -ademais- na Estratexia de dinamización que busca darlle un pulo á produción e ao consumo de carne, en colaboración coa Fundación Juana de Vega e con diversos representantes do sector cárnico. Tamén se continúan implementando as figuras de posta en valor recollidas na Lei de recuperación da terra, para aumentar a base territorial e a competitividade das granxas; ou se avanza na futura Lei da calidade alimentaria, actualmente en tramitación, que ten como principal obxectivo conseguir que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, ao tempo que se aportan todas as garantías ás persoas consumidoras.

Nesa dirección, cabe engadir que a Xunta creou unha nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia, isto é, a supervisión do cumprimento das obrigas en materia de información e control alimentarios, consonte ao establecido pola Lei da cadea alimentaria (de acordo coa súa modificación de decembro de 2021). Tamén se está a poñer en marcha o observatorio da cadea alimentaria de Galicia, que ten como principais finalidades mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, procurar un maior equilibrio e transparencia nas relacións entre os diferentes operadores e fortalecer o sector produtor, con vistas a conseguir uns prezos xustos, que sempre cubran os custos de produción. 

PESO ECONÓMICO DO SECTOR

Galicia é unha das comunidades autónomas máis importantes de España na gandaría de vacún, tanto en cifras de produción como, sobre todo, en número de explotacións, o que converte o sector nun dos piares máis importantes da economía rural galega. Así, o sector gandeiro desta comunidade acadou unha facturación global no ano 2021 de 1.409 millóns de euros, xerando un total de 17.503 UTAs ou postos de traballo directos. Deles, 414 millóns corresponden ao sector de vacún de carne que, con 95.600 toneladas sacrificadas no ano pasado en Galicia, representa o 14,11% da produción total de España, tan só por detrás de Cataluña (18,52%) e Castela e León (16,36%).

Así mesmo, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega é o indicativo de calidade cárnico que máis certifica en España (case un 60% da carne de vacún comercializada con denominación), cun valor en orixe de 137 millóns de euros no ano 2021.