Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Reportaxe: Vilapedre, o psiquiátrico esquecido do doutor Ricardo Núñez

Por 31 Xullo, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

O nome de doutor Ricardo Núñez tivo gran sona en Vilapedre e arredores a comezos do século XX, pois este distinguido psiquiatra foi o creador dun manicomio privado que asentou no seu lugar de orixe entre as décadas de 1910 e 1950. Hoxendía, calquera que se achegue ata a parroquia poderá observar o edificio onde a empresa de Núñez foi levada a cabo; dentro dese inmoble que fica recoñecido xa para a historia como o primeiro sanatorio mental da provincia de Lugo. 

Con toda probabilidade, os visitantes que dirixan a ollada cara fachada do edificio non poderán eludir preguntarse como sería a vida dos doentes entre as súas paredes. Amais, ben seguro que tamén rondarán polas súas cabezas tantas atrocidades que por aquel tempo se realizaban cos sofridores de enfermidades mentais. 

Porén, o médico Ricardo Núñez, según investigadores na materia, salientaba por xustamente proceder de xeito contrario. Así, tratoron de deixar esta premisa clara no seu estudo David Simón Lorda e Emilio González Fernández. Baixo o título: Historias del manicomio de Vilapedre. Ricardo Núñez Rodríguez, un atípico protopsiquiatra de la Galicia del siglo XX,  ambos pretenderon divulgar o perfil deste personaxe médico á par que trataron de pormenorizar en torno á asistencia psiquiátrica na provincia de Lugo entre finais do XIX e comezos do XX.

CONTEXTUALIZACIÓN.

Lorda e González na súa publicación detallan como Galicia “se incorpora tardíamente tanto á manicomialización da tolemia como á composición dun núcleo de formación universitaria psiquiátrica”. Neste senso, narran como en diversas cidades do territorio galego se formaron “celas e Salas de Observación de Dementes onde os doentes se recluían e logo, segundo os casos, eran derivados ao Manicomio de Valladolid”.

Non obstante, a inauguración do Manicomío de Conxo en xullo de 1885 provoca que se poida “falar dunha asistencia psiquiátrica galega”. Mais este lugar,  tal e como afirman os académicos que asinan o texto, axiña se transformou nunha usual institución privada con enormes intereses lucrativos “que cada día que transcorría se afastaba máis do teórico espírito caritativo dos seus fundadores”. E é que o xeito no que a igrexa compostelana actuou como propietatia directa do centro foi cargarndo con múltiples pagos aos seus usuarios.

Perante tal situación, no ano 1906 a Deputación de Lugo optou por plantarse e volver a enviar aos seus doentes a Valladolid, como xa se fixera con anterioridade.

Porén, tan só tres anos despois, co gallo de ofrecer máis posibilidades na xeografía galega, xermolou en Vilapedre este proxecto de corte privado e obra do citado Ricardo Núñez Rodríguez.

O MANICOMIO.

Desta institución privada sen fins lucrativos, desgrazadamente, a día de hoxe, todo tipo de historiais e informes médicos que o constituían fican extraviados. Mais o que si se coñece é que o doutor Núñez Rodríguez veu ao mundo no ano 1866, nunha casa de labregos pertencente a San Fiz de Vilapedre. E xa mozo, logo de estudar e exercer a súa profesión en Madrid, regresou a Galicia onde se concentrou, entre outras tarefas como a da creación dunha escola, en dar luz a tal idea con sede na súa propia parroquia.

Este sanatorio distinguiase de outros en que aportaba maior liberdade aos  pacientes que viñan recaer aló, así como tamén en que evitaba e emprego de métodos violentos tan comúns na época. Deste xeito, o director Ricardo Núñez concedía un trato máis cordial e cercán aos enfermos, propiciando saídas para que estes se relacionasen co mundo exterior e a súa xente. Incluso, contan veciños da contorna que el mesmo moitas veces ía ao mercado acompañado dos doentes que trataba. Esta vida comunitaria que o patentador do hospital de Vilapedre quixo levar a término viuse incluso acompañada pola formación dunha biblioteca. 

Pola contra, Simón e González subliñan que na provincia de Lugo “nunca se abandona (do mesmo xeito que no resto de Galicia) a xestión de primeira liña de internamento nas celas e salas dos Hospitais provinciais” pois proseguiron estando activos.

Así mesmo, os investigadores recalcan que a Guerra Civil e a autarquía franquista acentuarían esta “liña asistencial deficiente en toda Galicia” e que en recintos como o de Conxo “os anos da posguerra e primeiro franquismo son anos de fame, alta mortalidade, tuberculose e unha difícil vida na institución”.

No tocante ao manicomio de Vilapedre, as estadísticas de 1943 confirman que a existencia de usuarios nas instalacións do psiquiátrico era prácticamente nula “ao máximo catro enfermos”, sinalan.

A comezos dos anos cincuenta este deixaría definitvamente de funcionar, xa poucos anos antes da morte do seu patentador, a cal acontecería no 1958. Xa na metade desa década, a Deputación de Lugo executaría pola súa propia conta a apertura do  Sanatorio Psiquiátrico Provincial, situado este en Castro Riberas de Lea. 

O PRESENTE.

Logo de que o establecemento fechase e deixasen de tratar nel aos enfermos mentais, este permaneceu durante moitas décadas cerrado. Houbo que agardar ata entrado o ano 2003 para que o edificio se sometese a unha rehabilitación e fose aberto de novo, nesta ocasión realizando as funcións de hotel. Mais finalmente tamén rematou suprimíndose este servizo de hospedaxe ao público e o local pasou a dispoñer a súa planta de abaixo como unha  cervexería e máis adiante coma un pub.

O pasado mes de decembro do 2021, o antigo sanatorio, que ten a súa ubicación na estrada que vai de Nadela a Monforte, saiu a subasta. O inmoble posúe unha valoración  estimada de 675.000 euros.

Pola zona de Vilapedre aínda se recordan do popular doutor que  a comezos dos século XX propulsara a creación deste centro de saúde mental, un proxecto definido como partidario de ideas progresistas que hoxe, por fortuna, están máis asentadas na nosa sociedade. Algúns recordan a Ricardo Núñez, outros cando naceron xa levaba moitos anos finado o famoso especialista. Non ben, a lembranza do que aquí sucedeu sigue estando presente cando se fai mención á psiquiatría galega, en concreto á historia do acontecido nesta rama da sanidade dentro da provincia de Lugo.