Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “Este ano recuperamos a maxia na rúa“

Por 31 Xullo, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Roberto Lolo, actor, director, guionista, mago e promotor do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria.

Que novidades presenta esta edición con respecto a anos anteriores?

Penso que é importante destacar que este ano recuperamos, cousa que me fai especial ilusión, a maxia na rúa. Traeremos aos mellores magos infantís porque os cativos para min foron os máis damnificados despois destes dous anos, moitas familias non puideron vir… así que volveremos a centrarnos na maxia na rúa.

Hai moitos artistas invitados que é a primeira vez que veñen ao festival e por primeira vez, tamén haberá un número de faquirismo da man de Coraly Corazón, unha artista cun espectáculo  de “Freak Show” onde mezcla faquirismo, burlesque e comedia. É a única muller no mundo que fai este tipo de shows e no seu día, deixou abraiado a todo o público e ao xurado de “Got Talent España 2021”.

Tamén recuperamos maxia en locais con aforos completos, se non hai ningún cambio que espero que non, e hai moitos máis artistas invitados. Este ano hai un total de 24.

Sobre todo recuperamos a maxia na rúa e o feito de poder ir facer maxia a lugares coma o CAP de Sarria ou a residencia de anciáns, algo que me fai moi feliz.

Trala época da pandemia imaxino que o público do festival diminuíu bastante, espérase unha boa acollida para este ano?

Claro durante a pandemia, malia que o festival nunca tivo que suspenderse, a acollida foi menor xa que tódalas actuacións tiñan un determinado aforo que había que cumprir e por iso as actuacións desenvolvéronse noutro tipo de espazos.

Este ano recuperamos como che decía, a maxia na rúa. Fai moitos anos que o público responde de forma increíble ao festival. A entrada é gratuíta como tódolos anos e é importante que a xente esté atenta ao cartel para non perder detalle e non perderse ningún evento.

Esperamos moi boa acollida xa que non só virá xente de Sarria, vén xente de moitas partes de España, xente de fóra, peregrinos que están de paso no municipio e deciden quedarse un par de días máis só para desfrutar do festival…

Que nos poderías dicir que teñen en común os 24 artistas invitados? Porque vemos que son profesionais que traballan disciplinas moi diferentes

Tódolos artistas teñen en común que van dar o mellor de sí na súa disciplina para entreter á xente. Son artistas que algúns son os mellores do mundo no seu como Dani DaOrtiz que é o mellor cartomago do mundo, temos a Inés que é a maga máis popular que hai en España e que en 2016 foi escollida entre os 25 mellores magos do mundo… e bueno, o que os une a todos é esa capacidade que teñen para sorprender, para entreter, para facer rir á xente e que o pasen incrible.

Eso é o que nos une, únenos a maxia a todos.

Cal foi o número de maxia ou a actuación que a ti che deixou abraiado?

Máis que algún número de maxia en concreto, hai artistas que son parte da miña inspiración e que practicamente cada un dos seus números deixábanme coa boca aberta. Eu lémbrome de cando era moi pequeniño, a Juan Tamariz que é unha lenda en España pero xa non só Tamariz, eu era moi fan de Pepe Carrol de neno, que sempre me quedará a espiniña de non poder coñecelo en persoa. Coñecín a case tódolos magos que quixen, menos a el, que finou moi cedo.

Despois tamén está Armando Lucero que é un mago mexicano que me encanta, David Williamson que tamén é unha referencia para mí e logo o que eu considero o meu mestre que é Roland García e Dani DaOrtiz.

Entre todos os invitados vemos que está Dani DaOrtiz, de quen vostede mesmo afirma que “a pesar de que nunca lle ensinou un xogo de maxia, foi de quen máis aprendeu esta arte”

Si porque moitas veces e creo que é algo que se está a perder, sobre todo coa aparición da tecnoloxía, hai moita xente que está empezando na maxia e fíxanse soamente nos trucos, en como facer os trucos. Pero unha cousa son os trucos e outra cousa é a maxia.

A maxia é todo o que rodea ao truco en sí e por exemplo Dani DaOrtiz, efectivamente, nunca me ensinou un truco mais con todo, é de quen máis aprendín todo o demais que é o que eu denomino a maxia e que é algo que se está perdendo. Creo que hai que poñer especial coidado porque moitas veces a tecnoloxía facilítanos tanto o acceso a certas cosas que perdemos de vista todo o demais.

A maxia é unha arte que hai que dominar cos anos e non é facelo dun día para outro nin dun ano para outro, é un proceso como unha carreira calquera, require de moitos anos, de moita experiencia, de moita práctica e hai que ler moito e estudar moito. Ás veces o que pasa coas redes sociais é que simplifican este proceso e na simplificación moitas veces pérdese a aprendizaxe e os anos de experiencia, porque pénsase que xa se sabe todo e pola contra, moitas veces só se aprende o truco.

É unha pena porque hoxe en día moita xente recorre a iso porque é máis cómodo, máis fácil e máis rápido. É un pouco como na cociña, hai comida rápida que ten a calidade que ten pero sirve para quitarnos o gusaniño pero logo hai unha cociña máis elaborada, máis preparada y con outra substancia.

A parte da actuación de numerosos artistas invitados, de que máis poderemos desfrutar durante o festival?

Poderemos desfrutar de moitas disciplinas de maxia en diferentes espazos como xa comentei e estes magos, en concreto os maestros Dani DaOrtiz e Juan Luis Rubiales, participarán en varias conferencias para magos afeccionados. Esta iniciativa si que tivémola que suspender durante a pandemia pero agora volve pisando forte, polo que recomendo a todo o mundo que poda ir, que asista. Sobre todo para aqueles que estén empezando no mundo da maxia.