Skip to main content
Triacastela

Rueda agradece o labor dos equipos de extinción para controlar os incendios

Por 19 Xullo, 2022Xullo 20th, 2022Sin comentarios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garante que o Goberno galego traballa con todos os efectivos e medios dispoñibles para controlar os incendios e agradece o traballo dos equipos de extinción.

O titular do Goberno galego achegouse ás zonas afectadas polos lumes rexistrados nas provincias de Lugo e Ourense para garantir á poboación que os traballos de extinción continuarán arreo ata que se controlen os incendios. Alfonso Rueda achegouse ao posto de mando avanzado da Pobra de Brollón dende o que se xestionan os lumes rexistrados na provincia, acompañou aos veciños desaloxados en Triacastela, coñeceu in situ as zonas afectadas polo lume en Folgoso do Courel e tiña previsto achegarse tamén a primeira hora da tarde ao posto de mando avanzado do Barco de Valdeorras, na provincia de Ourense.

O mandatario galego confirmou que os lumes están relacionados cun fenómeno ‘inusual’ de tormentas e lóstregos que deron lugar á aparición de máis de 50 incendios instantáneos a partir do xoves. Ademais, o vento complicou a situación incluso naquelas zonas que xa estaban contornadas, polo que as últimas horas ‘foron moi complicadas’, recoñeceu.

Rueda, que acudiu ao posto de mando acompañado polo vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, e polo conselleiro do Medio Rural, José González, informou de que na actualidade hai activos en Galicia dez incendios de máis de 20 hectáreas e dous especialmente complexos con arredor de 3.000 hectáreas queimadas en Folgoso do Courel e en Carballeda de Valdeorras, o que obrigou a desaloxar unha trintena de núcleos de poboación e arredor de 500 persoas na provincia de Lugo e de 200 na de Ourense.

Para controlar os lumes están operativos na zona 400 efectivos con 50 motobombas así como as tres grandes cisternas da Axencia Galega de Emerxencias, que é a primeira vez que se activan xuntas. ‘A prioridade é extinguir os incendios e avaliar os danos’, dixo o presidente da Xunta, quen indicou tamén que será despois cando se cuantifiquen as axudas que poidan recibir os damnificados. Indicou, ademais, que é primordial garantir a seguridade das persoas residentes nas zonas afectadas e das desprazadas, ás que pediu comprensión mentres os medios traballan para que os danos sexan os menos posibles.

Rueda agradeceu á Unidade Militar de Emerxencias e aos corpos de seguridade do Estado a súa colaboración na extinción dos lumes, así como aos medios da Xunta que levan días traballando arreo para controlalos.

XEOGRAFÍA GALEGA

En Galicia está despregado e operativo o dispositivo de loita contra incendios na súa totalidade. Está formado por uns 7.000 efectivos, preto de 380 motobombas, tractores e pas, así como unha trintena de medios aéreos, achegados tanto pola Xunta como polo Estado. Todos eles coordinados baixo o mando único do Goberno galego. A este dispositivo hai que sumarlle a rede de videovixilancia nos montes con 148 cámaras que cobren arredor do 70% da superficie galega e drons que poden ver matrículas de vehículos nas pistas.

Porén, ante a climatoloxía actual, a Xunta apela á prudencia e á concienciación cidadá para evitar actividades que puideran favorecer o rexistro de lumes, polo que lembra que están totalmente prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais. E no caso dos traballos agrícolas, pide prudencia na realización de labores para evitar que salten faíscas.

A Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.