Skip to main content

Por Rebeca Maseda

Como poder vivir mil historias nunha soa vida? Como se explica a maxia do cine? Sinto  auténtica fascinación polo mundo do audiovisual, todo o que engloba e representa. Desde o  labor dos/das guionistas, directores/as, actores e actrices ata o dos/das compositores/as,  técnicos/as de todo tipo ou responsables de publicidade e marketing. É un universo no que a  creatividade e a fantasía están moi presentes, sendo ingredientes imprescindibles para o bo  facer e o éxito ou non dunha produción.

Dentro de todos/as os/as profesionais do sector, gustaríame falar dos/das compositores/as da  industria audiovisual. E digo industria sen ningún tipo de complexo ou punto negativo: Acaso  paixón, profesión ou traballo son termos irreconciliables?

Cando pensamos nunha película, curtametraxe, serie de televisión, etc., é moi probable que se  nos veña á cabeza un tema, ou polo menos o anaco dunha melodía. Un grupiño de notas  musicais que incluso podemos asubiar cando estamos na ducha, cociñando ou lavando o coche.  Cancións que quedan impresas na nosa memoria e que nos acompañan ao longo da vida. Isto  acontece cando os/as bos/boas compositores/as sacan a súa variña e fan maxia… Si, cando  atopan esa combinación perfecta de brancas, negras, corcheas, silencios e demais habitantes da  partitura para dar vida ás imaxes a través do son.

Son moitos/as os/as compositores/as que compuxeron grandes bandas sonoras ao longo da  historia do cine, pero quixera poñer tres nomes na palestra: John Williams, Ennio Morricone e Hildur Gudnadóttir. Un de Nova York, outro de Roma e outra de Reykjavik. Sen dúbida, tres  nomes que resoan con forza no “olimpo cinéfilo”.

Atreveríame a dicir con toda seguridade que a maioría de nós podería cantaruxar algunha  melodía do compositor estadounidense John Williams (1932): Star Wars, Indiana Jones,  Tiburón, A lista de Schindler, Harry Potter… O afamado cineasta Steven Spielberg –un tándem  perfecto ao longo da historia-, dixo del que “era atemporal e ía camiño de ser eterno”. Se o di  Spielberg, como negalo!

Fillo dun percusionista da orquestra de radio CBS, estivo exposto á música desde unha idade  temperá. Comeza a estudar piano cando era neno e máis tarde asiste tamén a clases de trompeta,  trombón e clarinete. Moi axiña a súa carreira como compositor comeza a tomar forma, tratando  de orquestrar as súas propias pezas cando era adolescente. En 1948 múdase a Los Ángeles coa  súa familia, onde estuda composición en privado e tamén brevemente na Universidade de  California. En 1951 é recrutado nas Forzas Aéreas dos EE.UU., e durante o seu servizo,  encárgase de organizar a música da banda e tamén de dirixila. Un exemplo de talento e  constancia desde ben noviño.

O segundo nome dese “olimpo cinéfilo” é o do italiano Ennio Morricone (1928-2020), outro  “deus” consagrado na composición de bandas sonoras: Cinema Paradiso, O bo o feo e o malo,  La misión, Malena… Canta beleza concentrada, cantos recordos que nos transportan a lugares  distantes, a outras vidas cheas de intensidade e aventuras infinitas.

De pequeno foi compañeiro de colexio de Sergio Leone –outro tándem perfecto- co que máis  tarde colaborou en case tódalas súas películas ata a morte deste. Tralo colexio ingresou no  Conservatorio Santa Cecilia de Roma, onde estudou trompeta e composición. A súa carreira  cinematográfica empezou nos 60 e foi realmente prolífica, contando con máis de 500 traballos  feitos.

A compositora islandesa Hildur Guðnadóttir (1982), tamén violonchelista, pertence a outra  xeración e desenvolve unha importante carreira na industria audiovisual. Provén dunha familia  de músicos, o seu pai é compositor, clarinetista e profesor de música e a súa nai, cantante de  ópera. Empeza a tocar o violonchelo aos cinco anos e debuta aos dez anos acompañando á súa  nai. Posteriormente estuda na Reykjavik Music Academy composición e novos medios na  Iceland University of the Arts e na Universidade das Artes de Berlín.

Entre as súas composicións máis recoñecidas atopamos as bandas sonoras para a serie de HBO,  Chernobyl e para a película Joker. Segundo contou Hildur, a música de ‘Chernobyl’ compúxoa  xunto a Chris Watson e Sam Slater na mismísima central nuclear de Ignalina (Lituania), onde  se rodou boa parte da miniserie. A citada central, hoxe día sen actividade, é coñecida como ‘a  irmá de Chernobyl’ debido ao gran parecido estrutural do seu reactor co da central que sufriu o  accidente. Os músicos gravaron na central todos os sons posibles cos que posteriormente  compuxeron a BSO. “Á parte da miña voz, cada un dos sons da música foron gravados na  propia central nuclear. Conseguimos extraer das portas as melodías máis delicadas e sacar os  ruídos máis atronadores das salas dos reactores e das turbinas”.

Música de cine ou música para vivir mil vidas.