Skip to main content

Por Pablo Veiga

A todos nos resulta familiar esta expresión, polo que non precisa de moita explicación. O que ven significando, é que un se esforza en algo para que lle saquen proveito outros e non un  mesmo, quen realmente fixo o traballo. Unha frase esta escoitada a cotío e quen a pronuncia en primeira persoa non pode evitar sentirse como un parvo.

Porque a ver que impresión podemos ter cando lemos novas nos xornais onde nos contan que un país como Noruega seduce a titulados en Enfermería galegos – e tamén aos que están a camiño – con ofertas salariais de tres mil euros mensuais, así como aloxamento e formación gratuítas. Xa polo miúdo, o ofrecemento noruegués inclúe viaxes pagadas e unhas condicións laborais e profesionais do máis atractivas. Como dicir que non a tal ofrecemento, a pesares de que durante meses non se vexa aparecer o sol e as temperaturas invernais sexan moito máis baixas que na Serra do Xistral, ou que unha vez asinado o contrato, o enfermeiro/a poda ser trasladado dunha localidade a outra en función das necesidades do momento.

Un hándicap este que lles produciría risa incontrolable a aqueles profesionais autóctonos que precisan metros de papel para imprimir a súa vida laboral, con innumerables contratos, algúns non superando o día de duración.

Entón, volvemos á expresión inicial e de contado deducimos o que se pretende transmitir. Aquí no País, investimos na educación de centos e centos de mozos e mozas, desde a súa etapa inicial ata a universidade, que unha vez graduados fan as súas maletas para ocuparse alén das nosas fronteiras, ante as pésimas expectativas que atopan na súa propia Terra en comparación con tentadoras propostas como a sinlada. Establecendo un símil futbolístico, somos como aqueles equipos que traballan concienzudamente cos seus deportistas máis novos, que os forman, cuidando deles en toda a súa evolución, pero cando chegan á idade adulta e triunfan, de contado ven un clube grande e a golpe de talonario arrampla con eles, sen que se poda facer nada contra esa realidade. Pois mellor comparación, un non pode atopar.

Seguimos, como desde tempos pasados, sendo terra de emigrantes. Xa  no século XIX e principios do vinte, asistimos a ese fenómeno, que se repitiría décadas despois, con diferentes destinos. Daquela, unha Galicia pobre e atrasada que non era quen de facilitar traballo de abondo aos seus fillos, polo  que moreas deles optaron por marchar. Hoxe é diferente; vemos como parte da xeración que se di a máis preparada, estudada nos colexios, institutos e universidades das nosas vilas e cidades, prepara os bártulos para exercer a súa labor profesional moi lonxe de aquí. Temos un problema e dos grandes, porque resulta que tampouco se cubren postos de traballo nun campo tan elemental, a sanidade, co que iso significa nunha sociedade avellantada como a galega. Así vemos que nalgunhas localidades, en períodos de vacacións ou baixas, médicos e enfermeiros non son substituídos.

En fin. Todo un desafío por diante, pero se seguimos traballando para o inglés, mal imos.