Skip to main content
Axenda CaducadaComarca TERRACHÁXA

Nova fin de semana festiva na Terra Chá

Por 15 Xullo, 2022Xullo 18th, 2022Sin comentarios

As festas das Pontes marcan sen dúbida a programación festiva da fin de semana. As Festas do Carme e, posteriormente ás da Fraga deixan á localidade coruñesa cunha programación completa e variada e podes consultar neste enlace. Aínda que a celebración inaugúrase hoxe co pregón, xa tiveron lugar varias actividades, moitas deportivas, así como o festival Sons As Pontes.

Outra das celebracións destacadas da fin de semana é a Festa da Empanada de Begonte, que se prolonga entre sábado e domingo  e que está unificada coa celebración das actividades fluviais da Deputación.

Tamén hai festas en Castro de Rei, que arranca hoxe cunha churrascada popular amenizada por Os Adrianos e coa presenza das orquestras M3 E Galaxia, con actuacións en sesión vermú e verbena ata o domingo.

Ademais tamén hai citas noutros concellos.

A PASTORIZA

Así, haberá festa na Pastoriza en Gueimonde e Crecente. En Gueimonde, o sábado pasado fixeron unha comida popular amenizada polo dúo Venus. E este sábado, 16, será o propio día da festa con misa ás 13.30 horas con procesión acompañada de Gaitas Galegas. O apartado musical estará ao cargo de D’Nika en sesión vermú e verbena e, pola noite, tamén disco móbil con La Fabrik.

En Crecente a celebración, na honra a San Salvador, será e dous días. Haberá misa solemne ás 13.30 horas seguida da tradicional procesión e da sesión vermú co dúo Dilema. Será este grupo o que fará a verbena xunto a Ritmo Joven.

As festas chegarán ao seu final o domingo 17 coa actuación de Meritxel en sesión vermú trala misa das 13.45.

CASTRO DE REI

A parroquia de Ansemar tamén está de festa a fin de semana, na honra á Virxe do Carme. O día grande, o sábado contará coa dobre actuación de Zeltia, que pola noite estará tamén coa orquestra Principal.

O domingo, só haberá sesión matinal, a cargo de Los Adrianos, despois da misa, que arrancará ás 13.30 horas. O sábado o oficio relixioso será ás 14.00 horas.

COSPEITO

As festas en Cospeito serán en Santa Cristina, na honra a Santa Cristina e San Xulián. O sábado estas terán lugar ás 13.30 horas co inicio da misa e a procesión para entrar coa orquestra Tokio, na sesión vermú e, pola noite na verbena, na que tamén estará La Resistencia, orquestra de Palencia, que se estrea an Terra Chá.

O domingo tamén haberá festa, con misa maior ás 13.30 e sesión vermú con Lecer.

VILALBA

En Oleiros, parroquia de Vilalba, celebrarase a tradicional Romería da Virxe do Carme, que se desenvolverá cun programa que se abrirá ás 13.30 coa misa solemne e a procesión. O grupo Lecer será o encargado da sesión do mediodía, antes da comida, que dará comezo ás 15.30 horas.

Pola tarde haberá xogos populares e animación musical cun grupo de gaitas antes da gran verbena, na que estarán Lecer e o dúo Venus. Aproveitarase a noite para facer sorteos.

O domingo continuarán cun oficio relixioso ás 13.30 horas para rematar co dúo Elcipse en sesión vermú.