Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Castro de Rei terá rematadas as obras de renovación das beirarrúas en outono

Por 12 Xullo, 2022Xullo 13th, 2022Sin comentarios

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que en outono os veciños de Castro de Rei terán á súa disposición unhas beirarrúas renovadas, accesibles e seguras que completan un investimento da Xunta de 700.000 euros na LU-113.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou hoxe as obras da segunda fase de renovación das beirarrúas nesta estrada autonómica, na parroquia de Castro Riberas de Lea, que comezaron hai dous meses.

A intervención, cun investimento de case 420.000 euros, desenvólvese ao longo de practicamente un quilómetro, desde o centro do municipio, á altura da praza de Galicia, ata a saída do núcleo.

Os traballos mellorarán a seguridade e a comodidade dos peóns, especialmente das persoas con mobilidade reducida e das familias con carros de bebés, que hoxe teñen dificultades para transitar por unha zona na que se emprazan servizos como como o instituto, o colexio, a biblioteca, o pavillón ou a residencia de maiores.

Segundo detallou a conselleira, a actuación inclúe a demolición das actuais beirarrúas e a súa reconstrución, dotándoas dun ancho mínimo de 1,8 metros para garantir o cumprimento da normativa de accesibilidade.

Ademais, colocaranse un total de 25 ramplas para mellorar os accesos aos garaxes e ás propiedades.

Os traballos comezaron polo punto máis afastado do núcleo urbano e contan xa con máis de 400 metros de nova beirarrúa completada pola marxe dereita, traballando de xeito paralelo pola marxe esquerda, de forma que as obras acadan o 30% de execución.

Estes traballos completan un proxecto cuxa primeira fase rematou a Xunta en 2020, renovando as beirarrúas ao longo de 1,2 km, entre o cemiterio de Duarría e a carballeira de Castro Ribeiras de Lea.

A conselleira puxo en valor a colaboración da Xunta co Concello de Castro de Rei a través doutros proxectos en execución, como a segunda fase do abastecemento, cun investimento conxunto de 360.000€ para mellorar o subministro nesta parroquia e servir ao polígono empresarial.