Skip to main content
Cospeito

A Xunta de Goberno aproba a adquisición da metade da Torre de Caldaloba pola Deputación

Por 30 Xullo, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adquisición dunha das parcelas nas que se ubica a Torre de Caldaloba, na parroquia de Pino, en Cospeito.

Trátase dun terreo de 19.596 metros cadrados, que inclúe a metade da edificación -53 metros cadrados de planta e as fachadas noroeste e suroeste- e o sistema de fosos e contrafosos defensivos do perímetro da edificación, datada no século XIV e considerada Ben de Interese Cultural desde 1994.

O terreo inclúe tamén un alxibe de 5 a 7 metros e profundidade e o acceso principal á Torre: un camiño rural, pertencente a unha rede de camiños nunha zona de concentración parcelaria, de 160 m de lonxitude, cun tramo duns 2,50 metros de ancho.

A vicepresidenta da Deputacíon de Lugo Maite Ferreiro explicou que “tal e como anunciamos o pasado mércores, este venres aprobouse na Xunta de Goberno a proposta de adquisición desta propiedade, que ten un valor fundamental de cara a protección, recuperación e posta en valor da Torre, xa que ademais de albergar a metade do propio edificio, nela consérvanse tamén os restos do sistema defensivo que rodea a fortificación”.

Maite Ferreiro reiterou que o obxectivo da Vicepresidencia da Deputación “é acadar, en canto sexa posible, a propiedade pública da totalidade da Torre e da súa contorna de protección para desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e posta en valor que reflicta a súa importancia patrimonial, histórica e simbólica para Galiza”.