Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

O Club Fluvial de Friol reabre ao completo o día 15

Por 10 Xullo, 2022Xullo 11th, 2022Sin comentarios

O Club Fluvial de Friol reabrirá na súa totalidade o día 15 deste mes tras rematar o proceso de reforma das instalacións no que se investiron 970.000 euros. Nun principio o orzamento era de 700.000 euros pero ampliouse debido ás necesidades que foron xurdindo. Grazas a un convenio de colaboración, o 70% do orzamento foi sufragado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O obxecto do proxecto é acometer unha serie de obras de edificación e urbanización na contorna do club fluvial, unha instalación pública e aberta a toda a veciñanza que leva máis de 40 anos en funcionamento.

Concretamente, as obras en Friol consistiron na edificación practicamente de novo do edificio central ademais das dúas piscinas exteriores, unha de adultos e outra infantil, que ten o recinto. Tamén se executaron traballos de urbanización e a creación de espazos axardinados. As piscinas remataron con anterioridade xa que abriron xa as súas portas este verán, cuns días de retraso con relación a outros anos.

Por outra banda, a previsión é continuar coa urbanización de parte da contorna da praia fluvial, localizada nunha das marxes do río Narla coa renovación do paseo e a construción dunha ponte sobre o río.

Xa no mes de febreiro remataron tamén as obras de mellora da pista de tenis do club fluvial, grazas a un orzamento de 30.660 euros aportado pola Xunta de Galicia.

Actuacións do Plan Hurbe 2010-2019

A obra no Concello de Friol enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Grazas a este programa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios da comunidade. E neste ano 2019 xa se asumiron preto de 90 novos compromisos que mobilizarán un total de 12,9 millóns de euros para a execución de proxectos urbanísticos nos concellos galegos.

Neste sentido, cómpre lembrar que nos orzamentos da Xunta do ano 2020 tamén hai reservados 6,5 millóns de euros para realizar actuacións urbanísticas a nivel municipal, como poden ser a mellora de contornos urbanos ou dos equipamentos municipais.