Skip to main content
Guitiriz

A Feira de Parga, tradición versus modernidade

Por 31 Xullo, 2022Agosto 1st, 2022Sin comentarios

Un exemplo de lonxevidade, a Feira de Parga mantense activa desde a idade media e tras pasar por numesosas vicisitudes celebrouse de forma ininterrompida ata a chegada da covid dende o ano 1927, manténdose incluso durante a Guerra Civil. Ten lugar o primeiro domingo de mes entre os días 9 e 15, ambos incluídos, e o último domingo de mes.

A Feria de Parga, a máis antiga de carácter privada que existe en Galicia e unha das máis fortes da zona, vén de dar un dobre xiro este ano. Por unha banda, cambiou a súa directiva, que muda cada 5 anos, rexíndose polos estatutos do ano 1927.

Segue como presidente Xesús Anxo Barreiro Núñez e ocupa o cargo de Secretario Carlos Pereira Morandeira e tesoureiro Lorenzo Fernández Núñez.

A segunda decisión que se tomou foi ao respecto da súa xestión. A propia asamblea da Feira de Parga encargouse dela directamente os últimos cinco anos, pero optaron por recuperar o sistema anterior e volver arrendala. O obxectivo non era outro que facilitar a xestión da mesma para os directivos. Anteriormente recuperaran a xestión xa que a feira levaba co mesmo xestor 34 anos.

O NOVO XESTOR

A persoa que se ocupará os próximos dous anos desta tradicional feira é Daniel Pereira Méndez. A normativa explica que para a adxudicación da feira habería que facer unha poxa á saída de misa de 12.00 no adro da igrexa, entre as persoas interesadas no alugueiro, tendo prioridade os propitarios sobre o resto de interesados. As reunións xa non se fan á saída de misa, pero si se mantén a tradición, polo que foi na asemblea onde se tomou a decisión. Finalmente nesta ocasión só Daniel Pereira fixo a súa oferta e ao entender que se cubrían os gastos correntes da feira, como son luz, auga, xestoría, etc, a súa proposta foi aprobada.

O cambio prodúxose na última asamblea tralo acordo dos participantes, que acadaron o quourum regulamentario na súa reunión e tras cambiar a xunta directiva.

A HISTORIA

Esta feira de Parga non deixa de ser un exemplo de lonxevidade. Funciona coma unha comidade de propietarios e ríxese polo dereito xermánico, como as comunidades de montes. É privada, a única que queda en Galicia e a propiedade é de 92 familias que foron herdando ao longo dos anos a súa porcentaxe.

A feira de Parga ten as súas orixes na idade media, nunha contorna rodeada do castelo, a torre e a igrexa. Parga tiña condición de vila, por concesión real, porque un dos requisitos para iso era que tivera feira ou mercado.

Mantívose con maior ou menor fortuna ata a chegada do ferrocarril, no ano 1875, cando a situación obriga a trasladar a feira de ubicación, situándose no seu emprazamento actual, entre o río e a vía do tren.

Outro cambio importante prodúxose no ano 1927, baixo o Goberno de Primo de Rivera, cando o concello de Trasparga intenta apropiarse da feira, porque xeraba ingresos moi elevados. Foi nese momento cando as 92 familias puxeron cada unha 1.000 reais (o equivalente a 250 pesetas), que era máis do que valía unha vaca, para facerse coa propiedade. Moitos investiron aí os cartos procedentes da emigración e outros optaron por vender algunha das súas propiedades máis preciadas, como as vacas.

Ese diñeiro empregouse para avogados principalmente, para iniciar un proceso contra o Concello reclamando a titularidade da feira. Soprendemente para aqueles tempos, en plena dictadura, a sentenza xudicial dá a propietade aos veciños, conxunta para esas 92 familias, representadas cada unha pola vivenda existente na localidade. A importancia desta sentenza quedou reflectida no feito de que decidiu conservarse no Reino de Galicia.

O terceiro cambio importante da feira foi no referente a súa celebración. Salvando a celebración do primeiro domingo de mes, esta tiña como data fixada o día 28 pero durante a década dos 80 as progresivas perdas de asistentes e feirantes cando coincidía entre semana levaron a dividir aos propietarios en dous grupos, os que se negaban a cambiar de data e os que querían mudala para un domingo. Finalmente e só por un voto a segunda opción foi a que tivo o respaldo da maioría e foi cando pasou a celebrarse o último domingo de mes. Para moitos esta decisión salvou a feira.

A FEIRA, HOXE

Así continuou a xestión ata os nosos días. Antes da pandemia e tras 34 anos co mesmo xestor, a directiva anterior decidiu levar a xestión directamente, decisión que se tomou en votación. Pero, despois de 5 anos, ao final cun novo cambio de directiva, tamén mudou esta decisión e por iso decidiron volver ao sistema anterior.

O novo propietario ten coma unha obriga no alugueiro facerse cargo dos baños, a xardinería, do coidado da carballeira centenaria na que está situada e da área recreativa do río. Deberá facer fronte aos gastos e recibirá como compensación as taxas de ocupación da feira.

O que non pode facer o novo propietario é poñer os prezos, estos póñense en asemblea.

Pero esta cita co máis tradicional galego, a feira, non deixou atrás a modernidade, a conta coas súas redes sociais, remodelou os seus alpendres e mantén un estrito coidado da súa ancestral contorna co obxectivo de seguir a ser un referente.

Outro cambio importante prodúxose no ano 1927, baixo o Goberno de Primo de Rivera, cando o concello de Trasparga intenta apropiarse da feira, porque xeraba ingresos moi elevados. Foi nese momento cando as 92 familias puxeron cada unha 1.000 reais (o equivalente a 250 pesetas), que era máis do que valía unha vaca, para facerse coa propiedade.