Skip to main content
Muras

Muras presenta alegacións contra o proxecto de mellora da estrada LU-540

Por 7 Xullo, 2022Sin comentarios

O goberno local vén de presentar formalmente alegacións contra o proxecto, despois de lamentar publicamente o nulo interese da Xunta polo parque industrial ao descartar da mellora da estrada a conexión con este.

No prazo de 30 días outorgado pola Consellería de Infraestruturas e mobilidade, no trámite de información pública do proxecto de mellora da capacidade e seguridade da estrada LU-540 (Viveiro -Cabreiros), o concello de Muras presentou varias alegacións co obxectivo de que realicen unha revisión das intervencións propostas que antepoñen nun Concello gandeiro a mellora da capacidade en detrimento da seguridade viaria .

Un exemplo é a creación dun carril central de adiantamento en rampa entre os PK 27+900 e 27+000, que supón unha lonxitude real de adiantamento de 575 metros para mellorar a capacidade da vía. Este novo carril producirá unha situación de maior inseguridade ao ser unha lonxitude insuficiente, e que ademais coinciden dúas reincorporacións ao carril desde as dúas marxes, creándose unha evidente situación de perigo.

O equipo de goberno mostra a súa disconformidade có proxecto presentado pola Xunta pois parte pola metade o Concello deixando as explotacións gandeiras illadas con fincas a un lado e outro da estrada e sen posibilidade de comunicación . Entre outras alegacións, o concello tamén reclamou a construción de tres pasos , dous inferiores e dun paso superior no lugar de Furco, na Xestosa todos eles para coches e animais.

O alcalde, Manuel Requeijo declarou que “esperemos que desta vez escoiten as nosas demandas para mellorar a circulación e seguridade na estrada que cruza o noso concello”. O rexedor engadiu que entre outras “a interconexión da estrada co polígono industrial é crucial para o noso futuro, hai que aproveitar as obras de mellora para gañar tempo. Nós cremos firmemente nese proxecto, outros teñen que demostrar con feitos si cren ou non. O tempo acabará poñendo a cada quen no seu sitio”.