Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Tres composicións loitarán polo primeiro premio no concurso de composicións musicais da casa Manuel María

Por 16 Xullo, 2022Sin comentarios

As composicións para voz e piano de Saúl Aguado de Aza, Teresa Bretal Martínez e Teo Montero Rey disputarán o primeiro premio na fase final que se celebrará na Casa-Museo do escritor coincidindo co seu aniversario.

A Casa-Museo Manuel María vén de facer pública a resolución do Xurado da 1ª fase do Concurso Manuel María de Composicións Musicais que ten por obxecto premiar a mellor canción lírica para voz e piano escrita sobre un poema de Manuel María.

As composicións escollidas polo xurado para pasar á fase final resultaron ser da autoría de Teresa Bretal Martínez, Teo Montero e Saúl Aguado que foron realizadas sobre os poemas de Manuel María Rosas, Orballo, Fisterra e A lúa.

A canción gañadora determinarase entre estas finalistas para o que se levará a cabo un concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María o sábado máis próximo ao aniversario do escritor, neste ano o día 8 de outubro de 2022. Por tanto, nese día e a modo de agasallo de aniversario ao poeta chairego, o barítono Gabriel Alonso e o pianista Aurelio Viribay interpretarán diante do xurado e o público as cancións seleccionadas nesta primeira fase. No propio acto, após a correspondente deliberación, o xurado dará a coñecer a canción gañadora. Completarase a noite coa presentación do CD No Camiño. Dous séculos de canción galega, que veñen de gravar o barítono e o pianista xa mencionados.

O xurado estivo presidido por Margarita Viso Soto, compositora, pianista acompañante, editora de música e musicóloga, campo no que destacan os seus traballos sobre Marcial del Adalid e Baldomir. Premio da crítica galega en 2020. Como vocal participou Juan Durán Alonso, autor de obras de música de cámara, vocal, sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega. Foi Premio da Cultura Galega en 2013 e Premio Reina Sofía de Composición en 2018. É membro da Real Academia Galega de Belas Artes e da M. I. Academia da Música Valenciana. Tamén como vocal formou parte Xosé Carlos Seráns Olveira, músico e compositor e o actual presidente da Asociación Galega de Compositores. É, ademais, xerente da Banda Municipal de Santiago de Compostela e persoa comprometida coa música galega dentro da que impulsou numerosos proxectos. Actuou de secretario, con voz e sen voto, Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.

O certame, convocado na súa primeira edición, conta cun premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.