Skip to main content
Pol LUGOXAPol TERRACHÁXA

Abre o prazo de alegacións ao inventario de camiños de Pol

Por 24 Xullo, 2022Xullo 26th, 2022Sin comentarios

O Concello de Pol vén de poñer en exposición pública o seu Inventario de Camiños Municipais, que se extenderá durante case dous meses con data límite o 20 de setembro. 

Durante este prazo, o documento poderá ser examinado por calquera persoa interesada nas dependencias municipais para que formule alegacións ou reclamacións no caso de consideralas pertinentes. O horario de consulta será de 9.00 a 14.00 horas os luns e os mércores.

O Inventario de Camiños Municipais será o instrumento que resolva as carencias ata agora existentes e aclarará de forma definitiva os criterios de posesión e titularidade.

O Inventario de Camiños constituirá, por tanto, un rexistro administrativo que identificará e describirá os camiños públicos de uso público e titularidade municipal, informando sobre a extensión e as características da rede de camiños que discorre polo campo do municipio. Ten carácter administrativo exclusivamente, como integrante do Inventario de Bens, carecendo de valor urbanístico a efectos de definición de aliñacións oficiais, aínda que poderá servir de base de datos na planificación urbanística do medio rural.

Se se detecta que algún deses camiños públicos está cortado ou foi incorporado de feito a algunha leira privada, o Concello deberá reaccionar facendo que desaparezan as restricións á pública utilización do camiño, mediante o exercicio das prerrogativas que ten atribuídas para a defensa dos seus bens.

Os camiños non incluídos no Inventario continuarán tamén co réxime derivado da súa titularidade.

Unha vez sexan resoltas todas as alegacións e consultas presentadas a este período de consultas, o expediente será elevado ao Pleno da Corporación para a súa aprobación.