Skip to main content
As Pontes

José María López Ferro, novo cronista das Pontes

Por 7 Xullo, 2022Xullo 8th, 2022Sin comentarios

O pleno do Concello das Pontes aprobou, por unanimidade, o nomeamento de José María López Ferro como Cronista Oficial da localidade, unha figura que ten unha gran tradición no municipalismo e que ten como principal labor a investigación histórica, folclórica e de recuperación e difusión das tradicións e costumes do patrimonio local.

“Fai xa case un ano que xurdiu a idea de recuperar a figura do Cronista Oficial das Pontes, nese momento de procura da persoa que puidese representar a esa figura, todas as miradas e pensamentos se dirixiron a quen, desde había décadas, xa estaba exercendo ese traballo, estudando, investigando e difundindo temas relacionados co noso municipio. Miles de horas empregadas en recuperar, preservar e difundir todo o noso patrimonio material e inmaterial e as que segue empregando en perpetuar todo este inmenso legado” salientou Vicente Roca, concelleiro de Cultura, durante a exposición de motivos que levaron a esta elección.

José María López Ferro, nado en As Pontes en 1954, mestre e apaixonado da etnografía galega, estudou Maxisterio na Escola Normal da Coruña e tivo o seu primeiro destino no Cepo-Cumbraos, unha aldea de Sobrado dos Monxes, no ano 1976. Outros lugares nos que exerceu foron: O Ramo (Maniños), Barallobre (Fene), Mouriscos (A Fonsagrada), A Capela e As Pontes onde exerceu como docente dende o ano 1983 até o 2015, no CPI Monte Caxado.

Foi neste centro pontés onde no curso 1984-1985 iniciou o proxecto do Museo Etnográfico Monte Caxado, como ferramenta pedagóxica dirixida ao alumnado co fin de dar a coñecer o patrimonio cultural etnográfico galego. Ademais foi socio fundador da Asociación de Estudos Históricos e Sociais “HUME” das Pontes, á fronte da que estivo como presidente. Nas revistas desta asociación publicou diferentes artigos relacionados co patrimonio e a etnografía das Pontes e a súa bisbarra.

Como etnógrafo e investigador colaborou na revista das festas locais ao longo dos anos con diferentes artigos relacionados co patrimonio local (museo etnográfico, hórreos, reloxos de sol, cruceiros, expresións na fala…). Asemade ten publicado na revista Cátedra de Pontedeume un artigo no seu número 10 titulado “Os reloxos de sol no concello de As Pontes de García Rodríguez”.

No ano 2011 recibiu o primeiro premio Fero Caaveiro, do Museo Etnográfico da Capela, polo artigo “Os hórreos do Concello de A Capela”. No ano 2012 publicou dous artigos, un na revista EDUGA, da Xunta de Galicia, Nº 63 e outro, en Cadernos do Ateneo Eumés, de Pontedeume. Neste mesmo ano participou cunha semblanza sobre o cronista oficial das Pontes D. Enrique Rivera Rouco, nunha edición facsímile da súa obra “Historia de Puentes de García Rodríguez”.

No ano 2014 publicou o libro “Don Enrique Rivera Rouco, a súa vida e a súa obra” promovido polo Liceo Recreativo e Artístico das Pontes e o Concello das Pontes. No ano 2019 recibiu o premio “Pedra do Destiño” da man da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, pola súa labor de defensa e salvagarda do patrimonio cultural de Galicia no eido da etnografía.

Na actualidade é Presidente da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, xestionando a colección museística do CPI Monte Caxado e acompañando a cantos veciños e visitantes se achegan a ver este museo, asentado no casco vello da nosa vila e que abriu as súas portas no ano 2019. Como parte do seu traballo na Fundación, inicia a publicación duns cadernos, dos cales xa van tres edicións, o vindeiro venres presentará o número 4, coa finalidade de transmitir ás futuras xeracións o noso pasado a través das actividades que levaban a cabo os nosos antepasados

O concelleiro de cultura, Vicente Roca, durante a exposición de motivos que levaron a que estas tarefas recaian, a partir de agora en José María López, lembrou a Don Enrique Rivera Rouco, cronista oficial das Pontes desde o ano 1981 ata o ano 2002 e “artífice da recuperación do noso pasado e de darnos identidade como pobo e comunidades, ensinándonos a valorar o pasado que nos rodeaba” e amosou a súa satisfacción, alegría e orgullo persoal por este nomeamento.