Skip to main content
As Pontes

A Mesa Local contra a violencia de xénero das Pontes reforza o seu compromiso

Por 8 Xullo, 2022Sin comentarios

Esta semana tivo lugar a primeira xuntanza presencial da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLCI) do Concello das Pontes desde o ano 2019. Tras a celebración de tres encontros en formato telemático durante os anos 2020 e 2021, celebrouse unha de carácter presencial, na Casa Dopeso.

Deste xeito, algunhas administracións e servizos públicos que foron engadidos recentemente á Mesa no marco do proceso de actualización do Acordo de Coordinación Interinstitucional en materia de Violencia de Xénero no ano 2021 puideron asistir de forma presencial por primeira vez a unha reunión da mesma.

Neste sentido, ampliouse a composición da MLCI coa adhesión dos diferentes centros educativos que imparten Educación Infantil, Primaria e Secundaria no termo municipal das Pontes, a Oficina de Emprego das Pontes e o equipo VIOGEN da Garda Civil de Ferrol. A concelleira de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude, Tania Pardo, destacou que “con estas incorporacións, acádase un órgano de gobernanza con representación dun maior número de ámbitos profesionais”.

Con esta actualización, a MLCI constitúe un órgano de colaboración creado hai máis dunha década (sendo das primeiras a nivel galego) ao abeiro do Acordo de Coordinación Interinstitucional en materia de Violencia de Xénero, e conformada por un total de 18 Administracións e servizos públicos dos ámbitos laboral, xurídico, educativo, sanitario, policial e social.

Tania Pardo considera digno de destacar que “se conta coa colaboración e participación de Institucións públicas de diferentes niveis territorios: dende o ámbito propiamente local (como o Centro de Información ás Mulleres, Servizos Sociais ou a Policía Local das Pontes) ata entidades dependentes da Administración Xeral do Estado (como a Garda Civil ou a Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na provincia da Coruña) pasando por institucións dependentes da Xunta de Galicia (Oficina de Emprego, Centro de Saúde e Centros educativos) e por entidades cuxo ámbito de actuación é a comarca de Ferrolterra (como é o caso da Quenda de Oficio do Colexio de Avogados de Ferrol)”.

A finalidade principal deste órgano consiste na colaboración e coordinación de todas as Administracións públicas con competencias no ámbito municipal das Pontes que contribúan a lograr unha comunidade local sen violencias machistas.

Así mesmo, conta con obxectivos específicos relacionados coa detección temperá das diferentes tipoloxías de violencias machistas; coa sensibilización, concienciación e formación para a prevención destas, ou coa intervención ante os casos de violencia de xénero e outras violencias machistas detectados. As diferentes Administracións e servizos públicos que conforman a Mesa teñen o compromiso de garantir a aplicación das medidas e pautas de intervención recollidas no Acordo.

Co fin de reforzar este compromiso de participación e colaboración na MLCI, na reunión celebrada nesta semana, procedeuse á sinatura dun manifesto por parte de todas as administracións e servizos públicos que a conforman.