Skip to main content
As PontesDeportes TERRACHÁXA

Alvariño faise coa prata en equipos e co bronce individual na Copa do Mundo de Medellín

Por 26 Xullo, 2022Sin comentarios

O arqueiro pontés Miguel Alvariño segue colleitando éxitos esta campaña xa que vén de obter a medalla de prata en equipos e individualmente fíxose co bronce na Copa do Mundo de Medellín.

Un pódium máis en arco recurvo, e van uns cuantos esta tempada. Nesta ocasión o equipo conformárono Pablo Acha, Miguel Alvariño e Ken Sánchez, que asinaron unha extraordinaria xornada de eliminatorias, na que derrotaron, de maneira consecutiva, a grandes equipos da talla da India (5:1 en 1/8F), Estados Unidos (5:3 en 1/4F) e Alemaña (5:1 en semifinais).

O equipo obtivo de maneira incontestable o billete para disputar a gran final pola medalla de ouro, que lles enfrontou, nin máis nin menos, que ao todopoderoso equipo de Corea do Sur, repetíndose a final da Copa do Mundo de Corea.

O equipo español estivo a piques de levar o primeiro set, pero os coreanos demostraron por que son potencia mundial e acabaron colgándose a medalla de ouro en tres sets.

Pechan a tempada coa medalla de prata nas Copas do Mundo de Gwangju e de Medellín, o subcampionato de Europa en Munich e a medalla de prata dos Xogos Mediterráneos.

MIGUEL ALVARIÑO

Outra medalla para o que, sen dúbida, está a ser o mellor seteiro da tempada e van 10 nun 2022 que dificilmente esquecerá o galego.
O venres pola tarde vivimos unha emocionante xornada de eliminatorias individuais de arco recurvo. Dani e Ken caían en 1/32 e 1/16 de final, respectivamente, contra Kevin D’Amour, o talentoso seteiro de Illas Virxes, mentres que Pablo caía tamén en 1/16 de final contra un seteiro de China Taipei Chih-Chun Tang.

Mentres, Miguel Alvariño contou todos os seus enfrontamentos por vitorias en cinco sets, eliminando, nesta orde, ao colombiano Andrés Pila (7:3), ao holandés Broeksma (na frecha de desempate), ao taiwanés Chun-Heng Wei (6:4) e ao vixente campión olímpico, o turco Mete Gazoz (6:4). Na xornada final do domingo, Miguel caía en semifinais contra o italiano Néspoli, para vencer no enfrontamento pola medalla de bronce ao estadounidense Jack Williams (6:4).

Broche de ouro para Miguel Alvariño, que pecha a tempada con 10 preseas internacionais:

  • Ouro individual na Copa do Mundo de Medellín
  • Prata por equipos e bronce individual na Copa do Mundo de Gwangju
  • Prata por equipos mixtos xunto a Leyre na Copa do Mundo de París
  • Prata por equipos e bronce individual na Copa do Mundo de Medellín
  • Ouro individual e Prata por equipos no Campionato de Europa
  • Prata por equipos e bronce por equipos mixtos nos Xogos Mediterráneos

A tempada internacional, ademais, non acaba aquí para o pontés, debido a que está clasificado para disputar a final da Copa do Mundo en Tlaxcala (México), do 22 ao 25 de setembro, competición á que tan só se clasifican os 8 mellores deportistas da tempada en cada categoría.