Skip to main content
As Pontes

As Pontes instalará dúas estacións de lavado de bicicletas

Por 27 Xullo, 2022Xullo 28th, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes comezará, as vindeiras semanas, a creación de dúas estacións de lavado e posta a punto de bicicletas, asentadas na Rúa Casilla, ao carón da Praza da Lembranza e na Rúa 8 de marzo, próxima ás pistas de padel.

Con estas novas infraestruturas, cun orzamento de 29.941,43 € con cargo a fondos propios, o Concello das Pontes busca impulsar a integración da bicicleta na mobilidade do municipio e potenciar a súa práctica como medio de transporte educativo, turístico, recreativo e deportivo, para o cal é necesario dotar ás persoas usuarias das ferramentas necesarias para facilitar o seu uso.

Nese sentido, o goberno local apunta que “nas Pontes existe unha gran gran demanda ciclista, contamos con infraestruturas de uso exclusivo da bicicleta en toda a zona urbana do municipio, así como moitas rutas BTT, utilizadas non só pola veciñanza senón por persoas visitantes. Contamos pois, cunha boa base para, coa coordinación de esforzos, das ferramentas de promoción axeitadas e a incorporación de melloras na oferta dispoñible, incrementar de forma notable o uso da bicicleta, converténdoa nun verdadeiro medio de transporte alternativo tanto para os desprazamentos diarios como para os recreativos e deportivos”.

Entre os traballos previstos executaranse soleiras de formigón que servirán de soporte para as instalacións. As estacións de lavado estarán formadas por un entramado metálico de aceiro inoxidábel sobre o que se posarán as bicicletas para o su lavado.

As estacións de lavado dotaranse de subministro de auga e a posterior recollida e canalización á rede de saneamento pública, polo que se executará unha acometida de auga ata cada unha das instalacións e unha rede de saneamento que conecte cada instalación coa rede de sumidoiros.

Finalmente, acondicionaranse ambas zonas coa instalación dun banco, papeleira, aparcabicicletas e carteis informativos.