Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba reclama os “catro veráns sen o parque acuático e sen alternativa”

Por 13 Xullo, 2022Sin comentarios

A voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, lamenta que “a falta de xestión, tardanza e incapacidade do goberno local socialista” deixe a Vilalba, que é cabeza de comarca, un ano máis sen unha infraestrutura acuática ao aire libre e debidamente acondicionada.

“Coa calor abafante destes días, os vilalbeses non dispoñemos deste tipo de recurso para refrescarnos ante as altas temperaturas”, explica a popular. Nese sentido, lembra que “xa van catro veráns sen parque acuático nin ningunha outra alternativa” porque “o goberno do PSOE se negou a realizar tarefas de mantemento que permitiran continuar a dispoñer do parque acuático na área recreativa da Madalena”. En lugar diso, “primeiro pechouno e, finalmente, acabou por derrubar esta emblemática infraestrutura municipal”.

Vázquez expón que “o goberno local anunciou a creación de piscinas na Madalena cun desorbitado gasto dun millón de euros; pero nin sequera se empezaron a construír e, polo tanto, pasaremos outro verán sen ningunha infraestrutura acuática. Esta falta de planificación prexudica tamén ao sector comercial e hostaleiro de Vilalba que perde os visitantes que se achegaban co reclamo do parque acuático coa forma do torreón de Andrade”.

Os populares consideran “desacertado” que “nunha época de especiais dificultades para moitos sectores económicos, o goberno local decida gastar os seus recursos en tirar un recurso xa existente e construír outro” de forma que “mentres non se fan realidade esas obras sectores coma o comercio e a hostalería saian tamén prexudicados”.