Skip to main content
Vilalba

Vilalba acolle o programa de emprego feminino no rural

Por 14 Xullo, 2022Xullo 15th, 2022Sin comentarios

O deputado de Participación Cidadá deu a coñecer en Vilalba esta iniciativa, que financia a institución e desenvolve a Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) para fortalecer o tecido empresarial da provincia.

O deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este xoves en Vilalba na presentación para a comarca da Terra Cha do programa Feminino rural. Evolución, que ofrece de maneira totalmente gratuíta formación e asesoramento personalizados a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios. A iniciativa está financiada integramente pola institución provincial cunha achega de 40.000€ e a Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) é a encargada de desenvolvelo. O acto, que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello vilalbesa, contou coa presenza da alcaldesa, Elba Veleiro, e a técnica do proxecto Úrsula Pérez.

García Pernas animou ás empresarias e emprendedoras a participar neste programa que, de xeito gratuíto, achega “ferramentas para mellorar os negocios que xa están en marcha e o apoio necesario para lanzalo con garantías”. Apuntou tamén que “a Deputación aposta pola creación de emprego, sobre todo xuvenil e feminino, como un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio”.

Esta presentación celebrada hoxe en Vilalba xa se levou a cabo na Mariña, en Lugo e na Montaña e, durante todo o mes de xullo, farase no resto das comarcas da provincia para facilitar a participación das interesadas. Unha vez rematada esta primeira presentación, cada comarca contará con 25 prazas para as persoas interesadas co obxectivo de crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras.

Na segunda fase participará unha selección de 35 empresarias e emprendedoras, cinco por comarca que sairán das reunións de traballo. Recibirán unha formación e un asesoramento personalizados dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.

Os vindeiros encontros comarcais de Feminino rural. Evolución  serán mañá, venres 15 de xullo, no Ecomuseo Pazo de Arxeriz, no Saviñao; o mércores 20 de xullo, na Casa do Concello de Láncara; e o venres 22 de xullo, no Pazo de Vilane de Antas de Ulla.