Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba laméntase de que queden sete parroquias sen arranxar as vías

Por 30 Xullo, 2022Sin comentarios

A voceira do Grupo Municipal Popular e presidenta do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, amosou a súa “concordancia” coa necesidade de mellorar as pistas municipais: “alegrámonos de que comecen a escoitar as nosas reivindicacións”. Con todo, condenou durante o pleno ordinario deste xoves que “PSOE e Vilalba Aberta cheguen tarde” e que “os prexudicados sexan os vilalbeses que tiveron que agardar a que ambas formacións se puxeran de acordo”, en relación ao orzamento a dirixir á conservación e mantemento de vías municipais nalgunhas parroquias.

Os populares xa reclamaran no pleno de xaneiro a planificación destes traballos para poder levalos a cabo durante o verán e agora será tarde porque “o acordo da sesión plenaria debe permanecer en exposición pública 15 días e, posteriormente, sacar as obras a licitación, adxudicalas e, finalmente, levar a cabo o rebacheo. É dicir, o procedemento prolongarase ata o outono, unha época pouco acorde para realizar ditos traballos”. Nese sentido, esixiu ao goberno socialista aclaración sobre as datas nas que se prevé actuar.

A voceira popular esixiu tamén explicacións sobre os criterios que seguiu o goberno local para seleccionar as parroquias e pistas. “Sabemos o que é xestionar e, polo tanto, sabemos que é imposible actuar en todas á vez; pero é necesario saber porque foron esas as elixidas”, segundo manifestou Vázquez. “Son moitos os veciños indignados porque se rebachea unhas vías e non outras que están en moito peor estado, como é o caso da de Fonte Pisón a Trasto ou a pista de Outeiro a Felgueira en Santaballa, a que vai a Fragavella en Ladra ou as do barrio de Penahedrade ou Pedrouzos na Torre”, expuxo.

A popular incidiu na “crueldade” que supón excluír destas actuacións a 7 parroquias que “deixan abandonadas”. Vázquez explica que “Vilalba Aberta visitou algunhas delas e incluso, tendo poder de negociación, prometeu melloras e agora mira para outro lado”.

Para corrixir este “agravio”, o Grupo Municipal Popular propuxo dirixir a mellora de vías destas parroquias unha porcentaxe das partidas de 100.000 euros para infraestruturas e bens naturais, 75.000 euros para vías públicas, estudos e traballos técnicos e 50.000 para material de vías públicas. Ante o rexeitamento do PSOE e Vilalba Aberta a revisar a proposta, a popular lamentou “a falta de diálogo” e que actúen “de costas aos veciños de Belesar, Boizán, Mourence, Noche, Oleiros, Sancovade e Soexo”.

Incapacidade para a xestión

Vázquez considera que “levar a pleno, outra vez máis, unha nova modificación de crédito das que tanto criticaba o PSOE dende a oposición que tanto materializa no actual mandato supón unha demostración palpable da incapacidade de xestión, traballo e dirección por parte do goberno local”.

“As modificacións de crédito que promove o goberno local co apoio de Vilalba Aberta responden á incapacidade para elaborar un presuposto propio tanto no período do bipartito con Vilalba Aberta coma no período de goberno en minoría do PSOE”, explica. De feito, “gobernan cos últimos aprobados polo goberno do Partido Popular a pesar de ter votado en contra da súa aprobación no 2019. Son incapaces de traer a unha sesión plenaria un proxecto de presupostos que resolvan as necesidades latentes de Vilalba e que dean resposta ás novas necesidades dos veciños tras unha pandemia mundial e o actual contexto  económico”.

Outros asuntos

O Grupo Municipal Popular de Vilalba levaba ao pleno tres mocións. Unha delas, que fora adiada dende a sesión anterior, para instar ao goberno local a recuperar o prestixio e a calidade do FIV logo do decaemento do presente ano.

Tamén urxiron os populares a dar a coñecer o programa das festas de San Ramón e Santa María deste ano, pero “o goberno socialista non foi capaz de aclarar nada. Incluso se negaron a convocar a Comisión de Cultura para abordar este asunto, a pesar de ser o primeiro ano que as organiza o Concello”. Así, “seguimos sen coñecer a planificación dos días grandes e tampouco o desenvolvemento da xira campestre da que só sabemos as datas. Tamén pedimos explicacións sobre o libro das festas, pero tampouco tivemos resposta”.

En canto á dinamización social do rural, os populares defenderon a posta en marcha “canto antes de cursos e actividades dirixidas aos maiores que tanta aceptación tiñan nas parroquias antes da pandemia”. A voceira explicou que “cada vez que levamos unha proposta en positivo, o equipo de goberno di que xa están traballando nelo; pero se realmente tiveran interese votarían a favor”. A formación de Vilalba Aberta si apoiou esta proposta igual que a iniciativa para esixir explicacións sobre as festas patronais.

O Grupo Municipal Popular preguntou ao goberno local se era coñecedor da lista de agarda para o comedor escolar e se prevé facer unha ampliación de prazas. Igualmente quixo saber se a partir do 1 de agosto se sancionará polas infraccións da zona azul. Tamén propuxeron o pintado dos pasos de peóns e a instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.