Skip to main content
LugoUncategorized @gl

Entrevista: “Cos lumes, sentimos unha gran impotencia, o que prevíamos durante os últimos anos está acontecendo”

Por 30 Xullo, 2022Xullo 31st, 2022Sin comentarios

Falamos con Lucía Anido vogal de ADEGA Lugo

 

¿Que é Adega e como funciona esta asociación?

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) leva dende os anos 70 traballando e loitando na defensa do medio ambiente galego. Ademais da labor reivindicativa, ADEGA conta cunha equipa de Educación de Ambiental en Compostela, que desenvolven proxectos de Compostaxe, ou o Proxecto Ríos, programas de concienciación e voluntariado ambiental. Alén da sede nacional, hai delegacións soberanas, como a de Lugo, que traballamos en problemáticas propias de cada cidade, comarca ou provincia.

Unha vez ao ano ten lugar a Asemblea Xeral na que están chamadas a participar todas as socias, e na que se renovan os cargos directivos, ademais de decidir as loitas nas que se traballará ese ano. Do mesmo xeito, as delegacións teñen asemblea xeral, pero esta vez con periodicidade cada dous anos.

Na delegación de Lugo reunímonos cada mércores ás 20.30h no local de ADEGA, e animamos ás socias da delegación a participar nestas reunións, xa que fai falla moita xente, xa que hai moitos frontes abertos, e non sempre conseguimos combatelos. ADEGA forma parte de moitas plataformas, nas que de forma coordenada con outras asociacións e colectivos se traballa para facerlle fronte aos actuais problemas ambientais, como por exemplo a vixente EÓLICA ASÍ NON, ou POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO.

¿Como estades a vivir dende a asociación a vaga de incendios?

Cos lumes, sentimos unha gran impotencia, o que prevíamos durante os últimos anos estaba acontecendo. Isto o prevíamos nós, e tanta outra xente, a excepción da Xunta, que, pese as advertencias de que este ía ser un verán moi seco, no PLADIGA estimaba para todo este ano que a superficie afectada polos lumes serían 6.200hA, case a metade do que leva ardido nunha semana 30.000hA, e lembremos que estamos a principios de verán, e o peor está por chegar.

O persoal que estivo traballando nestes lumes, é o mesmo que o que traballaba en maio cando non había lumes. Estamos vendo as primeiras consecuencias do cambio climático, e isto é o principio, cada vez será peor.

Estes lumes son o resultado das políticas agrícolas e forestais deseñadas para o beneficio das empresas e non das persoas, o negocio incendiario da Xunta. Se as aldeas se salvaron foi pola veciñanza do Courel, xunto coas voluntarias e os insuficientes e precarios servizos de extinción de incendios, que resistiron, defenderon e loitaron. Tamén compróbase como a existencia de soutos axudou a frear o avance das lapas.

A xestión dende a Xunta destes lumes foi nefasta, deixaron arder aldeas, e boa parte dos espazos naturais protexidos que hai na Galiza. Como é posíbel que ardan áreas de tan alto valor ambiental como o ZEC (Zona de Especial conservación) Ancares Courel (en Lugo) e o Parque Natural do Invernadoiro, o Parque Natural da Enciña da Lastra e o ZEC do Macizo Central, en Ourense, afectando tamén a Valdeorras, Oímbra, Vilariño de Conso e Palas, e sen que a Conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez Mejuto de a cara é dea os datos sobre a superficie perdida dos espazos naturais, e como pretenden restaurar a zona.

¿Que medidas credes que serían necesarias para evitar estes desastres naturais?

Antes o monte non ardía nesta magnitude e intensidade, porque había gando no monte que xestiónaba o souto bosque, este é un xeito sustentábel, e que fixa poboación no rural. Dende logo, para evitar estes desastres naturais, debería prohibirse as repoboacións de pirófitas como son o piñeiro ou o eucalipto na contorna de espazos naturais e espazos habitados. Dar axudas para que as persoas podan establecerse no rural, aínda que isto último vai en contra da pretensión da Xunta de baleirar o rural para convertelo nun gran polígono industrial con megaproxectos eólicos, eucaliptización ou minería ao servizo das grandes corporacións.

¿Cales son as perdas na provincia a raíz destes grandes incendios?

O que se perde con estes incendios na provincia é a fauna salvaxe, e que tardará moitos anos en volver a reaparecer, porque a contorna tamén degradada non ofrece o sustento necesario para a recolonización natural. Cos lumes ademais desapareceron aves ameazadas, como os bufos reais, as tartarañas cincentas e as gatafornelas. O oso pardo tamén vai recuar ao atoparse cun espazo queimado. Perdéronse centos de milleiros de bolboretas, abellas, saltóns, e pequenos mamíferos que quedaron abrasados por estes lumes. Ademais perdemos sobreiras, cerquiños, aciñeiras e érbedos que quedaron convertidos en carbón en pouco tempo. A recuperación destes espazos non é cuestión de décadas, senón de centos de anos. E tamén ardeu a aldea de Vilar, onde estaba a casa museo de Juan de Vilar, que era unha enciclopedia viva da cultura e historia do Courel.

¿Como vedes o proceso de recuperación dos montes e das aldeas queimadas?

As labores de rexeneración das áreas queimadas e loita contra a erosión deben basearse en criterios científicos, seguir determinados protocolos e seren guiados por persoas profesionais. Pódense desenvolver cun voluntariado, sobre todo a vixianza e rexeneración, e debe estar previamente formado e coordenado. O voluntarismo sen as anteriores premisas podería supoñer un risco engadido para o medio e a seguridade das persoas. Todas temos ganas de axudar pero debemos facelo con cautela.

¿Cal e a vos valoración das concentración convocadas en rexeitamento do lume?

Ante a impotencia de non facer outra cousa convocamos mobilizacións, primeiro o martes 19 de xullo convocámolas dende ADEGA nas cidades de Lugo e Ourense, ante a urxencia de visibilizar o que estaba acontecendo. O xoves 21 de xullo pretendíamos facelo algo máis aberto a través da plataforma Por un monte galego con futuro, conformada por máis colectivos, e en todas as cidades galegas. A valoración foi positiva, a xente saíu á rúa, e penso que as veciñas afectadas polos lumes sentiron o apoio dende as cidades. En canto ao resto das reclamas, seguiremos loitando para que se cumpran:

  • O reforzo especial dos dispositivos de prevención e extinción con especial atención aos espazos naturais de maior valor ecolóxico e ambiental de Galiza, agora e durante todo o ano.
  • A criazón dun único servizo público, de xestion directa e dependente da Xunta, evitando a súa privatización, composto por profesionais, adecuadamente formado en prevención, extinción de incendios e multiemerxencias que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano.
  • A declaración de “zona catastrófica” (agora “zona afectada gravemente por unha emerxencia civil”) das áreas atinxidas polos lumes.
  • Accións inmediatas nas zonas queimadas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa restauración.
  • A suspensión da tempada de caza e pesca non só nas áreas queimadas senón tamén nos tecores veciños por un período que permita a rexeneración das poboacións salvaxes afectadas polo lume.
  • O pulo decidido a políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes, como o pastoreo, e que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes.
  • Denunciamos que a Xunta siga empregando o monte galego como obxecto de especulación, ou como solo barato para as grandes corporacións   multinacionais enerxéticas, pasteiras e mineiras que expulsan ás persoas do rural na procura do seu lucro privado.
  • E agardamos que non se aproveite esta situación de desgraza ambiental e social para favorecer os intereses dos lobbys enerxético, mineiro, urbanístico, e forestal.

¿En que outros proxectos estados traballando agora?

Hai outra gran loita contra as megacentrais eólicas, que están ameazando toda Galiza, e expulsando ás persoas do rural. Están poñendo muíños de 200m a tan só 500m das vivendas, en parcelas agrícolas actualmente en uso, en zonas de gran valor ambiental e cultural. Pretenden arrasar con todo buscando só o beneficio das grandes multinacionais e fondos de inversión, lexislando á medida, para deixar a poboación nunha total indefensión, pero pese a todo, está habendo unha gran resposta por parte da veciñanza, e colectivos ecoloxistas, sociais e culturais.

Ademais tamén estamos traballando con denuncias as plantacións e cortas ilegais. A xente segue plantando eucaliptos pese ao que está acontecendo e aínda sendo ilegal.

E na delegación de Lugo, temos moitos frontes abertos, a protección da esquina de San Roque e o Carril das Flores, as piscinas de auga quente que o Concello quere instalar no Parque do Miño, que pese a grande eficiencia que podan ter, vai supoñer un consumo enerxético, que moi probabelmente non podamos asumir, xa non por unha cuestión económica, que para iso se pediu un crédito de varios millóns endebedándonos máis, senón pola situación de crise enerxética.

Gustaríanos convidar ás gobernantes do Concello a que afondaran algo máis no decrecemento, xa que dende o noso punto de vista (e o de moitas outras persoas) é o único camiño a seguir, cunha orientación moi diferente á que están seguindo no Concello, que tinxe todo o que fai de verde, pero facendo o mesmo de sempre (Greenwashing que lle chaman nalgúns sitios).

Tamén traballamos contra a privatización do río tan presente na cidade de Lugo. Non é entendíbel que a día de hoxe, se permita que o Club Fluvial teña pechado o río, é ilegal, e seguiremos loitando para que todas as persoas podan camiñar libremente pola zona de servidume do río.

E a zona este de Lugo, na que aínda hai carballeiras de grande valor e núcleos rurais que se verán encaixados entre dúas autovías, a A6 e a Ronda Leste. Entendemos que nesta situación de crise enerxética, social e ambiental, debemos preservar os espazos naturais, e non crear novas vías de comunicación que o único que van a producir é o aumento de tráfico o que implica maiores emisións de efecto invernadoiro e a destrución dos servizos ecosistémicos que aportaban eses espazos naturais destruídos.

Tamén estamos a traballar no proxecto silencioso de eliminación dos pasos a nivel de ADIF, que vai destrozar os camiños tradicionais que hai pola zona de Penoucos, Bosende e Castelo. Unha zona na que o rural introdúcese na cidade, e cun grande valor. Muros tradicionais e sebes veranse destruídos se non lle poñemos freo.

Animamos a que todas as persoas que teñan interese en coñecer o noso traballo, ou algún destes proxectos se poña en contacto con nós a través do correo electrónico (adegalugo@adega.gal) e no teléfono 982240299.