Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Plataforma Sanitaria recolleu sinaturas para recuperar a atención primaria

Por 15 Agosto, 2022Sin comentarios

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña vén de presentar diante dos medios de comunicación a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) sobre medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria diante do Centro de saúde de Burela.

Trala presentación fíxose unha primeira recollida de sinaturas a modo de arranque da campaña, a cal tivo unha moi boa acollida por parte de veciñas e veciños, profesionais e diversos cargos públicos que se achegaron a asinar e a unirse á campaña.

Desde o colectivo anunciaron que esta campaña desenvolverase ao longo e ancho da comarca, tendo presenza en todos os concellos e acudindo aos eventos, mercados e actos máis  importantes que se desenvolvan na Mariña.

Para poder debater esta inicativa no Parlamento son precisas  un mínimo dez mil sinaturas, e  segundo adianta Montse Porteiro , portavoz da Plataforma Sanitaria da Mariña “ as nosas previsións para a comarca son recoller xa nesta comarca as dez mil sinaturas , cifra que vemos realista a tenor do descontento xeralizado que están a amosar mariñás e mariñaos”.

O texto da iniciativa lexislativa popular incide en medidas tan importantes como mellorar a estrutura e funcionamento dos centros de saúde, urxencias extrahospitalarias e servizo de ambulancias,, garantir a presencialidade e calidade na atención,dotar de autonomía de xestión á Atención Primaria, garantir e fomentar a participación cidadá , rematar coas listas de agarda en primaria ou proporcionar unha atención sanitaria en igualdade eliminando a fenda de xénero na atención sanitaria, entre outras.

Desde o colectivo sanitario avanzan que a próxima mesa de recollida de sinaturas colocarase  no mercado semanal de Foz o martes 23 de agosto , en horario de 11 a 13 horas. Animamos a todas as veciñas e veciños a que se acheguen á mesa para apoiar coa súa sinatura unha iniciativa que salve do abismo á Atención Primaria.