Skip to main content
Deportes AMARIÑAXAXove

O Club de Bolos de Xove gañou a Copa de España por equipos

Por 11 Agosto, 2022Agosto 12th, 2022Sin comentarios

Esta fin de semana, días 6 e 7 de agosto, celebrouse na localidade de Nigran, Pontevedra, a Copa de España de Bolos celtas na modalidade equipos.

O Club de Bolos de Xove conseguiu alzarse co título de Campión de Copa no que se pode considerar o mellor resultado da historia para este club a nivel de equipos.

O campionato estivo moi disputado e participaron equipos procedentes de toda España, e aínda que na primeira rolda clasificatoria o Club de Bolos Xove pasou como segundo clasificado, ao comezar as eliminatorias viuse que os xogadores de Xove estaban supermotivados e foron pasando eliminatorias ata plantarse na final, na cal pasaron como unha apisoadora por encima dun dos equipos máis laureados de España o Club de Birlos Xunqueira, endosándolles un histórico 4 a 0.

Paralelamente á Copa de España celebrouse un maratón de bolos por tripletas, que tamén é o máis importante de España, tanto polo número de participantes, no que asistiron máis de 200, como polo nivel dos xogadores que participan.

Neste Maratón o Club de Bolos de Xove, tamén conseguiu facerse coa vitoria no campionato de tripletas grazas á tripleta formada por Daniel Alonso (Cata), Javi Alonso (Cata Jr) e Cristian Rodriguez (Felgo).

No resto das categorías, o Club de Bolos Xove tamén conseguiu uns excelentes resultados. Xenxo Salgueiro foi campión cadete, Javier Alonso, na categoría xuvenil, e Ginés Rodriguez na de veteráns.