Skip to main content
Deportes AMARIÑAXAViveiro

Bronce en surf para catro viveirenses que representaron á selección galega

Por 26 Agosto, 2022Sin comentarios

Catro membros da escola viveirense representaron á selección galega no Campionato de España de Surf por Comunidades Autónomas, acadando a medalla de bronce por equipos. 

A competición celebrouse durante esta semana na praia da Frouxeira, en Valdoviño. Esta edición supuxo a primeira vez que a escola viveirense lograba que catro dos seus deportistas estivesen incluídos na selección galega. 

Concretamente, da Viveiro Surf Escola participaron Uxío Rodríguez, como técnico; Lucía Martínez, en sub-16 e sub-18, Claudia Prieto, en open feminino, e Jorge Guerreiro en sub-18. Grazas á súa actuación xunto ao resto do equipo, a Selección Galega logrou o bronce neste campionato. 

Este éxito súmase a numerosos resultados destacados da escola noutras competicións. Neste sentido, o Concello de Viveiro eloxia o traballo da escola de surf na formación de deportistas, que repercute nestes importantes resultados. 

“Dende o Concello de Viveiro felicitamos a esta escola non só polo seu éxito neste Campionato, senón tamén pola importante canteira de deportistas que forman. Grazas a este esforzo, Viveiro posiciónase como un referente a nivel nacional neste deporte”, asegura María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.