Skip to main content
Alfoz

O PP de Alfoz denuncia o estado de “abandono do pobo”

Por 3 Agosto, 2022Sin comentarios

O PP de Alfoz denuncia o estado de “abandono” do pobo e que “está todo sen rozar, as beirarrúas con herbas e plaquetas esfondadas e o parque infantil descoidado”.

“Unha das responsabilidades dos gobernos locais é a de manter e coidar os espazos públicos que son de titularidade municipal, é dicir, competencia do Concello”, din os populares de Alfoz. Tamén sofren a falta de xestión do goberno local nas distintas parroquias do municipio onde as marxes das estradas están sen desbrozar.

Dende o PP local explican que “as queixas sobre a falta de roza é un comentario continuo entre os veciños de Alfoz” porque “a falta de coidado é evidente. Esta vergonzosa imaxe que da pena é o habitual no noso municipio debido á deixadez e pasotismo do alcalde Jorge Val e o seu goberno”, engaden.

Os populares din que “este abandono do concello non é normal” e pregúntanse “se responde á súa forma de gobernar ou se é a propósito para levarlle a contraria ás persoas que lle reclaman a limpeza do pobo”.

SAN CRISTÓBAL

Os populares cren que “o pobo e as parroquias deben estar acondicionadas todo o ano para uso e desfrute dos veciños” e, deste modo, “tamén estaría limpo e rozado para a principal festa do Concello, o San Cristóbal -tamén coñecida coma Os Chóferes-, unha celebración á que acoden miles de persoas de distintos lugares e centos de vehículos para a súa bendición”.

A este respecto, lamentan que “o alcalde se acordara de que era necesario rozar, pero que agardase ata o último momento, entre o xoves e o venres pasado. E a consecuencia desta falta de planificación é que non se pode limpar todo en tan pouco tempo e as marxes das pistas dalgunhas parroquias seguen sen desbrozar”. Iso supuxo que “os vehículos que participaron na procesión tiveron que parar varias veces cando se cruzaban con outros coches porque coa maleza non podían pasar dous coches xuntos”.