Skip to main content
Barreiros

Rodríguez resalta o compromiso do Goberno coa conservación da praia de Valea de Barreiros

Por 4 Agosto, 2022Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, resaltou o compromiso que mantén o Goberno coa conservación dos recursos e o patrimonio natural da Mariña que se materializa nun novo proxecto para esta comarca co investimento de case 400.000 euros para efectuar melloras na praia de Valea-Coto, no concello de Barreiros. 

Isabel Rodríguez anunciou que, tal como prometera o delegado do Goberno nunha visita a Barreiros no mes de decembro, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vén de sacar a licitación o proxecto para a recuperación e protección do sistema dunar deste areal. 

“Cumprimos os nosos compromisos, como se pode comprobar no Boletín Oficial do Estado, que publica hoxe a licitación desta actuación de recuperación do ecosistema”, recalcou a subdelegada. 

O proxecto, que sae a licitación por un importe de 395.318 euros (IVE incluído), consistirá na eliminación de especies exóticas, a restauración con especies autóctonas e a adecuación para o uso público do sistema dunar. Trátase de eliminar as especies invasoras do contorno e frear a súa expansión coa recuperación do sistema dunar, mediante a reordenación ambiental e de accesos que protexa a zona da proliferación de vexetación foránea. O prazo previsto para a execución do proxecto é de doce meses.