Skip to main content
BurelaCultura AMARIÑAXA

A Ocioteca de Verán de Burela, máis que unha actividade estival

Por 15 Agosto, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

A Delegación de Medio Ambiente ofertou un ano máis as actividades de verán, durante os meses de xullo e agosto, para os nenos de infantil e de primaria co obxectivo de axudar ás familias a conciliar a vida laboral e familiar durante a época estival. A Ocioteca promove actividades que favorezan a diversión creando un ambiente lúdico e actividades que favorecen o traballo en equipo e a creatividade; potencia actitudes de valoración e respecto cara o entorno físico e natural; e da coñecer o entorno.

Así os nenos participantes realizaron unha ruta pola praia do Ril para buscar entre a area pedras, cunchas, paos e outros obxectos co obxectivo de crear mosaicos con materiais da natureza.

FAI CLICK AO TEU BOCATA. Esta iniciativa foi deseñada co obxectivo de facilitar o coñecemento e consumo de produtos en conserva do mar de Galicia entre as crianzas da nosa comunidade, e tamén co fin de incidir e equilibrar as súas dietas alimentarias. Os pequenos participaron do programa, recibindo unha pequena explicación sobre a importancia de consumir peixe e produtos do mar como mínimo unhas 3 ou 4 veces por semana.

Nesa primeira parte explicativa púxose de relevo a alimentación sana e equilibrada, conxugando a teoría con varios xogos para integrar a aprendizaxe individual e colectiva.

Ao remate da sesión puideron degustar uns deliciosos bocatas de leituga, queixo, tomate e sardiñas en lata, compartindo entre eles o sabor destes produtos que a programa quere enxalzar.

SUMIDOIROS. As monitoras da aula Gaia traballaron no paseo marítimo xunto cos nenos a importancia de non tirar lixo sólido nos sumidoiros polas consecuencias negativas que ten sobre o medio ambiente e, particularmente, sobre o mar. A actividade O mar comeza nos sumidoiros” conseguiu concienciar aos máis pequenos de que o mal uso destes condutos trae como consecuencia a obstrución das redes de drenaxe, provocando atascos e colapsos.

Xunto coas monitoras, aprenderon que os sumidoiros non son vertedoiros, senón que a súa función é a de recoller e transportar augas residuais, industriais e pluviais. Deste xeito, non se poden tirar trapos, pedras, pañais, aceites e outros elementos que entorpecen ou danan o seu funcionamento.

O grupo trasladouse ao paseo marítimo para pintar nos sumidoiros desde a zona da Marosa ata o Portelo uns pequenos peixes para simbolizar que o mar comeza aí, facendo fincapé en que non se deben arroxar desperdicios ao chan e que si se debe facer un uso correcto das papeleiras. Axudáronse de plantillas, pinturas e pinceis para realizar esta campaña que non queda só na Ocioteca, senón que pretende espertar conciencias á poboación xeral.

CADERNO DE CAMPO. Tamén realizaron unha saída á praia do Portelo para realizar unha actividade de campo observando e aprendendo as características da flora do litoral burelés, que reflectiron nos seus cadernos de campo.

Os obxectivos principais da saída foron os de coñecer a importancia da flora para a contorna, aprender a identificar e coñecer as especies, así como as características das máis comúns, e tamén identificar aquelas invasoras e o seu impacto sobre o medio.

Durante o traxecto polo paseo marítimo, monitoras e pequenos realizaron varias paradas para observar de preto as plantas que se encontraban ao seu paso. A actividade desenvolveuse en dúas partes, por unha banda deron a teoría sobre a importancia da flora, nome común e técnico das distintas plantas, características, usos, curiosidades, diferenza entre as invasoras e as especies autóctonas, e por outra banda, elaboraron un pequeno caderno de campo con fotografías e características.